A deputada socialista Noela Blanco instou á Xunta a “salvar os 131 postos de traballo” de Unitono en San Cibrao das Viñas, ameazados pola inminente deslocalización desta central de chamadas que atende a Naturgy á plataforma de Reus. A responsable socialista abandonou o Pleno do Parlamento antes do remate do debate dunha pregunta oral pola falla de resposta do conselleiro diante deste problema.
Antes de deixar a sala, a responsable socialista reclamáralle ao conselleiro de Economía “que fale con Naturgy, que presionen, descolguen o teléfono para salvar estes postos de traballo”. Denunciou o desleixo do goberno galego na defensa destes postos de traballo que serían “un duro varapau para as 131 familias e para a provincia de Ourense, que ten a taxa de actividade máis baixa de España, e na que no último trimestre se perderon 25 empregos ao día”.
Sinalou a escasa atención que lle teñen prestado ao alcalde de Ourense, que “cando se presenta de mediador resulta que consegue unha reunión coa secretaria xeral de Emprego en lugar de co conselleiro”.
A parlamentaria ourensá alertou do ERTE do pasado ano 2013, para “baleirar de carga de traballo ao centro de Ourense, cunha perda de máis de 3.000 chamadas de outubro a marzo. Advertiu que é “o caldo de cultivo perfecto para preparar unha futura deslocalización do servizo tras abrir unha plataforma en Reus que recibe as mesmas chamadas que en Ourense”.
Blanco advertiulle ao conselleiro de Economía que “non confunda a boa disposición do Comité de empresa coa resignación nin coa submisión”. Reclamoulle ao goberno galego que “predique co exemplo e inclúan cláusulas para obrigar a prestar do servizo de chamadas dende Galicia e en galego como requisito imprescindible para contratar de todos os servizos da administración autonómica”.