A deputada socialista Noela Blanco esixiulle hoxe á dirección da CRTVG que “tome en serio” a denuncia da actriz Iria Pinheiro contra o presunto acoso sexual por parte do director do programa “Con amor e compañía”, no que participou entre marzo e xuño de 2017. Así o dixo na comparecencia do director do ente para dar conta deste caso diante da Comisión de Control da CRTVG, hoxe no Parlamento.
A responsable socialista alertou da “falla de control” do ente público fronte a estes casos “aínda que a persoa á que se denuncia non sexa persoal da CRTVG”, senón dunha produtora que é contratada polo ente autonómico. Sen embargo, advirte da obriga da CRTVG de velar e controlar este tipo de situacións.
Sinalou que “ningunha muller ten por que soportar estas humillacións”, que ademais “provocan un serio dano na reputación da CRTVG, unha compañía pública –engadiu- que debera ser a primeira en dar exemplo na loita contra o machismo”.
Blanco puxo en cuestión o compromiso da dirección do ente na loita contra o machismo e na defensa da igualdade, xa que se trata dun ente público que “non conta cun Plan de Igualdade”, que si que fora impulsado no goberno de Emilio Pérez Touriño pero que foi paralizado por Feijóo. Ademais, carece de protocolo de actuación diante destes caso e de plans de formación do persoal nesta materia.
A parlamentaria socialista salientou a “valentía” da actriz para “dar o paso” e denunciar este caso, mesmo co risco de “revictimización” e de padecer calquera tipo de veto laboral despois de facer pública unha situación “reprobable e noxenta”, que resulta “política e eticamente reprobable”.
Urxiu a “tomar medidas para que esta situación non se volva repetir e, se o fai, a muller vítima conte con todos os recursos e o apoio para sentirse forte e protexida para poder denunciar”.