O portavoz de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, cualificou hoxe de “moi pouco ambiciosa” a Lei de Administración Dixital. Así o dixo no debate en Comisión do ditame da Lei, que quedou pendente do debate final en Pleno logo de que fora aprobada polo PP coa abstención socialista por “obviar a opinión dos centros tecnolóxicos, o sector dos autónomos ou os centros universitarios de investigación”.
Díaz Villoslada criticou que a lei non garanta un catálogo de dereitos dixitais para a cidadanía así como a defensa que estes cidadáns poidan ter dende a Oficina do Valedor do Pobo “como comisionado de transparencia”. Afeoulle ao PP que “non queira incorpora a emenda socialista que defende unha presenza equilibrada de homes e mulleres nos órganos colexiados da administración dixital de Galicia”.
O deputado socialista acusou ao Goberno de “non someter a lei ao preceptivo informe do Consello económico e Social de Galicia, sobre todo cando no estamos a referir á incorporación de novas tecnoloxías”. Lembrou que a incorporación do informe do CES permitiría engadir as necesarias suxestións á Lei e “impulsar a economía dixital de Galicia”.
Díaz Villoslada recalcou a importancia que dende a Xunta se debe proporcionar as entidades administrativas locais ou pequenas e medianas de Galicia para incorporarse ao proceso de dixitalización. Fixo especial fincapé na dixitalización dos servizos públicos mediante a “non robotización dos servizos de cara á non exclusión das persoas máis vulnerables da sociedade como as persoas con discapacidade visual”.
Criticou ao Goberno por fomentar unha Lei que obriga aos autónomos a utilizar a administración dixital de forma inminente “cando moitos de estes autónomos non van ter os medios necesarios para facelo”. Sinalou que a incorporación dos autónomos a esta lei débese de facer “de forma progresiva e pouco a pouco” de forma que obteñan os recursos necesarios para adaptarse aos novos trámites dixitais.
O responsable socialista acusou á Xunta de crear unha “fenda no rural”, deixando sen cobertura de internet a gran parte desta poboación que “non vai ter posibilidade de realizar os trámites administrativos de forma dixital”. Esta Lei vai crear una división entre a poboación urbana e rural, “cando debería de ser unha palanca para superar estas fendas”.