O viceportavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, subliñou hoxe o “éxito” da manifestación en defensa da sanidade pública convocada onte en Santiago de Compostela “a pesares da campaña do PP co desprestixio como único argumento”. O responsable socialista lamentou a “escasa altura de miras” do goberno galego fronte a unha protesta provocada polo seu “desmantelamento” sistemático de servizos sanitarios.
Álvarez advertiu de que o “colapso da sanidade pública é unha realidade” mentres “o PP atópase nun labirinto sen saída que eles mesmos construíron”, como demostrou a protesta convocada onte co respaldo dos socialistas galegos e de tódolos partidos da oposición. Lamentou que continúen a “culpar a todo o mundo agás á Xunta de Galicia”, que é quen ten “plenas competencias e toda a responsabilidade” da xestión do sistema sanitario.
O parlamentario socialista situou ao peche do paridoiro de Verín como catalizador da protesta logo dun “experimento sociolóxico cruel que lles saíu mal, polo que o PP tivo que dar marcha atrás” a este “ensaio para testar a resposta fronte aos recortes nos hospitais comarcais”. O que demostrou, dixo, foi “a falla de planificación do PP e unha lamentable falla de respecto aos galegos e as galegas”.
Criticou a “falla de planificación e desmantelamento de servizos, que non foron quen de tapar” a pesares dos reiterados “anuncios de hospitais ou centros de saúde que non evitan nin de lonxe o colapso do sistema sanitario” que se evidencia nas listas de espera e o desmantelamento de servizos”. Luis Álvarez ratificou o respaldo dos socialistas galegos aos profesionais do sistema sanitario fronte á “nula capacidade de xestión do goberno galego”.
Hipercinismo
Luis Álvarez criticou o “hipercinismo” polo PP con relación ás datas de remate das obras do AVE a Galicia, demostrando unha “preocupación que manifestan de forma intensa pero que non existía cando o PP gobernaba en Madrid”. Así o evidencia por exemplo que a primeira iniciativa presentada polo PP se remonte ao 13 de xuño de 2018, apenas 12 días despois da moción de censura que levou a Pedro Sánchez ao Goberno de España.
O responsable socialista aludiu tamén ao informe do Tribunal de Cuentas sobre a execución das obras do AVE a Galicia, revelando un retraso de 50 meses provocado polas paralizacións entre 2014 e 2017, cando Ana Pastor era ministra de Fomento. Sinalou que o goberno galego “ou miraba para outro lado ou exercía de colaborador necesario” mentres o goberno de Rajoy tan só executaba 1.556 millóns de euros de 3.161 previstos nos Plans de Actuación Plurianuais.
Naquela etapa, sinalou, deixaron 18 contratos en suspenso, e mantiveron o tramo a Ourense paralizado mentres agardaban por un informe da Consellería de Cultura que tardou 3 anos en chegar. O rosario de irregularidades continúa cos 1.700 millóns de euros de contratos suspendidos e os máis de 76 millóns correspondentes ás reclamacións das empresas adxudicatarias.
Apuntou que “o gran responsable do atraso do AVE ten dúas siglas: PP”, que optou por lo que cualificou como un “exercicio de hipercinismo que evidencia que non teñen nada que dicir para lavarlles minimamente a cara”. Logo da pregunta do pasado Pleno que a conselleira aproveitou para “falar de todo agás do informe do Tribunal de Cuentas”.
Os socialistas presentarán a continuación unha interpelación específica sobre o contido do informe “para ver se a conselleira é quen de ter argumentos para estar 13 minutos falando de cousas que non teñen nada que ver cunhas obras nas que o compromiso de Pedro Sánchez está fora de toda cuestión”.
Violencia machista
O viceportavoz do Grupo Socialista comezou a rolda de prensa trasladando o apoio dos socialistas galegos aos familiares e amigos da última vítima de violencia de xénero, esta fin de semana en Lugo. Chamou a “eliminar entre todos esta insoportable lacra que enche de dor ás familias, aos achegados e a toda a sociedade”.