O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, responsabilizou hoxe á falla de planificación da Xunta de Galicia do desabastecemento de Trangorex –un medicamento utilizado para o tratamento de arritmias graves-. No debate dunha pregunta en Comisión, sinalou que esta situación condena aos maiores usuarios deste fármaco ao “exilio farmacéutico”.
Igual que sucedera cos pais e nais de menores no caso da vacina para a meninxite B, obrigados a cruzar a fronteira para conseguir a súa dose, agora o desabastecemento afecta directamente aos maiores galegos que non atopan as súas medicinas en Galicia. Critica que a Xunta responda que “non se pode facer nada”, demostrando un desleixo “desolador”, dixo, e asegurando non ter constancia de problemas persoais pola falla de subministro.
Torrado criticou que o goberno galego recoñecera hoxe que “non pode garantir –dous meses despois de ter detectado o problema- que se repoña o subministro, e admite depender das decisións da farmacéutica”. Advertiu que “non pode ser que demostren unha dolorosa falta de vontade á hora de facer ningún esforzo para cambiar a política farmacéutica, limitándose a trasladarlle toda a responsabilidade ao Ministerio”.
Omisión de socorro
O deputado socialista acusou ao goberno galego de situarse como “cómplice, por omisión de socorro, do problema de abastecemento” deste fármaco nas farmacias galegas. Advirte que o control no abastecemento de medicamentos supón “un problema para a cidadanía que sofre os erros e o desleixo de funcións do goberno, que os somete na incerteza e dificultade de non saber a que aterse e como tratar as súas doenzas”.
Lamentou que a única resposta congruente que ofrece o goberno galego se limite a trasladarlle a responsabilidade á Axencia Europea do Medicamento –EMA-. Neste sentido, lembrou que “aínda non recoñeceron o ridículo espantoso protagonizado por Feijóo e o desprezo absoluto amosado pola candidatura de Galicia á sede da EMA, mantida polo goberno galego aínda cando o Executivo central xa confirmara a Barcelona.