A responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Teresa Porrit, alertou hoxe da “excesiva compracencia” da Xunta con respecto ás en realidade “escasas medidas correctoras” contra a corrupción que vén de tomar. Así o dixo na comparecencia da directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, hoxe no Parlamento, para dar conta das medidas de prevención de riscos da administración autonómica.
Porrit aludiu hoxe ao “demoledor” informe que presentou o Consello de Contas no pasado mes de decembro precisamente sobre “os sistemas de control internos e a estratexia de prevención de riscos da corrupción” na Xunta. Este documento, dixo, “sácalle as cores” ao goberno galego ao evidenciar as medidas absolutamente “insuficientes” nesta materia.
Así, o ente fiscalizador asegura que non existe constancia de ningún informe sobre o cumprimento do código ético autoimposto polo presidente da Xunta, e que en todo caso “non suple as carencias normativas” do goberno galego. O goberno galego carece ademais de “ningún programa que identifique os riscos, avalíe a situación e aplique medidas correctoras”.
A responsable socialista cualificou ademais de “decepcionante” a intervención do goberno galego hoxe no Parlamento, por canto “ofrece un relato da posta en marcha gradual de medidas contra a corrupción pero sen ofrecer ningún tipo de concreción”, que puxo en dúbida que poidan poñer en marcha antes da convocatoria das eleccións autonómicas prevista para este ano.
Propostas socialistas
Teresa Porrit advertiu ademais que o propio Consello de Contas recolleu moitas das propostas de prevención da corrupción suxeridas polo Grupo Socialista e que no seu momento o PP rexeitou sistematicamente. Así, sinalou ao reforzo da protección dos denunciantes destas prácticas, o incremento da protección da confidencialidade das denuncias, a regulación dos grupos de presión ou a elaboración dun rexistro específico de lobbistas.
Respondeu ademais das críticas do PP contra supostos casos de corrupción lembrando que o seu é o único partido condenado por prácticas corruptas, ou a renuncia de Marchena na renovación do poder xudicial logo de que o seu portavoz no Senado presumira de que ían “controlar” a sala 2ª do Supremo. Sinalou tamén o caso de Santiago, onde logo dos procesos abertos contra Conde Roa dimitiron ata 24 persoas da súa candidatura para que asumira a alcaldía o número 25.