A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, criticou hoxe que a Xunta teña presentado unha Estratexia da Cultura Galega “baleira” de contido. Así o dixo na comparecencia do director xeral de Políticas Culturais en Comisión parlamentaria para presentar un documento que en opinión da portavoz socialista carece de análise sobre a situación actual da cultura nin ningún tipo propostas.
Burgo citou ao propio Valle-Inclán para sinalar que “o documento está escrito en bo papel pero con mala gramática” para resumir a “vacuidade” dunha estratexia que “é tan xeral que ao final di ben pouco”. De feito, engadiu, nin sequera alude á lingua galega máis alá das referencias ao mundo da lusofonía, cando se trata do “elemento fundamental da nosa cultura, o que máis une á nosa identidade como pobo”, e sen ela “o plan o mesmo vale para Galicia que para Castela e León”.
Criticou que nin sequera inclúe unha definición da cultura “como dereito da cidadanía”, co que, explicou, “confunden o acceso aos produtos culturais co acceso aos servizos culturais básicos, como bibliotecas, arquivos ou museos”. Tamén adoece dunha “mínima análise ou plantexamento da situación” que explique as debilidades, fortalezas ou oportunidades da cultura galega, que “podían telo feito en tan só un folio, pero nin iso”.
En definitiva, dixo, o goberno galego presenta unha estratexia sen visión global nin políticas transversais a favor da cultura, xa que “falan da coordinación coas outras administracións, pero onde está a coordinación entre os departamentos da Xunta?”, preguntou. Como exemplo sinalou que a Consellería de Economía “tería que dicir bastante sobre o impulso ás industrias culturais”.
Tampouco incorpora ao tecido asociativo, que foi o que soportou a vida cultural galega durante os anos da crise, e tampouco inclúe “nada sobre a avaliación de resultados e a asunción de responsabilidades políticas”. Botou en falla ademais institucións fundamentais para a vida cultural galega, como é o caso do Agadic, o Centro Dramático Galego ou o Centro Coreográfico, ou mesmo unha avaliación do plan estratéxico da Cidade da Cultura.