Advirte que o goberno galego só atendeu ao 37,2 por cento das solicitudes de eutanasia presentadas ata outubro
A deputada socialista fixo referencia a Laura, a muller que tivo que facer público o seu caso para poder acortar os trámites da súa propia eutanasia “e morrer como ela decidiu”
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, esixiulle hoxe ao conselleiro de Sanidade que cumpra coa Lei 3/2021 de Regulación da Eutanasia e acelere a resolución das solicitudes. Espinosa presentou unha pregunta oral na que alertou de que a Xunta levou a cabo 38 eutanasias en Galicia, que supoñen o 37,2 por cento do total das solicitudes presentadas dende a aprobación da Lei ata o pasado outubro.
Criticou que a demora nos prazos por parte do goberno galego provoca que case unha de cada 3 persoas que toman esta decisión chegan a falecer antes de poder beneficiarse deste dereito que debera blindar o respecto pola dignidade das persoas e a súa autonomía.
Espinosa interveu diante de Daniel, o fillo de Laura, unha muller que tivo que facer público o seu caso para conseguir que a Xunta lle fixera caso, e a presidenta da Asociación Dereito a Morrer Dignamente, Isabel Blanco.
Esixiulle ao goberno galego que aplique as medidas precisas para garantir a prestación a esta axuda nos supostos e os requisitos que establece a Lei, que a día de hoxe está a ser aplicado de forma “desigual” en Galicia “en función dunha dirección asistencial ou outra”. Sinalou que neste momento o goberno galego está a superar os días máximos que marca a Lei, e esixiulle “maior implicación, seguir a rastrexabilidade e facer que se cumpran os tempos”.
Incluso lembrou que os trámites poden acurtarse en función da progresión da enfermidade, e poden acelerar a designación do médico responsable de cada caso, que neste momento “eternízase” en Galicia. Reclamoulle ao conselleiro que mellore a situación laboral dos profesionais sanitarios, que “moitas veces vense obrigados a encargarse dos expedientes no seu tempo libe”, e esixe unha maior información á poboación sobre este dereito que gran parte da cidadanía descoñece.