A viceportavoz primeira do Grupo Parlamentario Socialista sinalou hoxe que o sistema sanitario en Galicia só se sostén “grazas ao compromiso dos profesionais, que traballan moitas veces máis alá das súas obrigas e en condicións cada vez máis insostibles”
Elena Espinosa remarcou que a valoración que a cidadanía fai da sanidade pública está baixando, tanto en atención primaria como hospitalaria, ao tempo que medra a súa preocupación: “A xente percibe perfectamente que a calidade do servizo está caendo”
A viceportavoz primeira do Grupo Parlamentario Socialista, Elena Espinosa, denunciou este martes o “colapso evidente” da sanidade pública en Galicia, que asegurou se atopa “nun momento límite”. Así o expresou nunha rolda de prensa na que avanzou as iniciativas que o PSdeG levará ao Pleno da vindeira semana, moi centradas na situación do sistema sanitario e na defensa da sanidade pública como eixo prioritario.
“A pregunta que vai formular o noso voceiro, José Ramón Gómez Besteiro, ao presidente da Xunta é clara: como está a situación da sanidade pública en Galicia? Porque é unha realidade que todos compartimos: o sistema só se sostén grazas ao compromiso dos profesionais, que traballan moitas veces máis alá das súas obrigas e en condicións cada vez máis insostibles”, explicou Espinosa.
Neste contexto, criticou a actitude do Goberno galego: “Mentres vivimos esta situación, non temos unha resposta seria por parte do presidente da Xunta e asistimos á actitude impresentable do conselleiro de Sanidade, que se burla das dificultades da xente maior para pedir cita, que minimiza constantemente as listas de espera e que nega o colapso sanitario que todos padecemos”. “Este conselleiro xa non é só un problema político: é un perigo para a saúde dos galegos e das galegas”, afirmou con rotundidade.
A responsable socialista puxo sobre a mesa datos que definen a gravidade da situación: máis de 11.000 nenos e nenas galegas están sen pediatra, hai 1.000 prazas de medicina de atención primaria sen cubrir, 220.000 persoas agardan por unha consulta especializada e 50.000 por unha operación cirúrxica. E o investimento en atención primaria só é un 11,8 % do orzamento, moi por debaixo da media estatal. “A valoración que a cidadanía fai da sanidade pública está baixando, tanto en atención primaria como hospitalaria, e medra a súa preocupación. A xente percibe perfectamente que a calidade do servizo está caendo”, asegurou.
En materia de saúde mental, Espinosa denunciou que “non se cumpren os ratios recomendados de profesionais, nin de psicólogos nin de psiquiatras, polo que é imposible garantir a atención adecuada ás persoas que a necesitan”.
A portavoz tamén puxo o foco na situación do Hospital Materno Infantil de Ourense, onde nos últimos días se produciu un derrubamento do teito. “Queremos saber que pensa facer a Xunta. Porque agora mesmo corremos o risco de que, en lugar de saír curados dun hospital, saíamos con outra lesión por motivos alleos á enfermidade”, advertiu.
Ademais da interpelación sobre as listas de espera e a pregunta directa ao presidente da Xunta, o PSdeG levará ao Pleno outras propostas orientadas á planificación e á equidade. Presentarán unha iniciativa para que se elabore un censo actualizado dos dereitos mineiros en Galicia e se realice un estudo e diagnóstico daqueles que están abandonados ou inactivos. “Queremos planificación e anticipación”, subliñou Espinosa.
Discrecionalidade no Plan Único
Así mesmo, o PSdeG presentará unha proposición non de lei para establecer criterios obxectivos, definidos e transparentes no reparto do Plan Único da Xunta, sen reducir o Fondo Galego de Cooperación. “Unha análise demostra que os fondos acaban sistematicamente en concellos gobernados polo PP. A discrecionalidade non pode seguir sendo a norma”, advertiu.
O Grupo Socialista tamén levará ao Pleno unha moción para esixir que se elabore o Plan Estratéxico de Servizos Sociais de Galicia, que leva 16 anos de retraso e, por último, preguntarán ao Goberno galego sobre a súa posición respecto á eliminación dos peaxes nas autovías autonómicas.
Espinosa concluíu reafirmando o compromiso do PSdeG coa defensa dun modelo público e digno de sanidade. “Queremos ser a voz da xente enferma, a voz dos galegos e galegas que necesitan unha atención que non chega, a voz dos profesionais que están soportando todo o peso do sistema sen recoñecemento nin reforzos”, afirmou. “Para os socialistas, a sanidade pública non é unha opción, é un dereito”, dixo.