A viceportavoz do Grupo Socialista critica que Rueda teña rexeitado de novo a condonación de 4.010 millóns de euros de débeda cando el mesmo empeza a asumir que debe aceptala
O Parlamento aproba a proposta socialista para que a Consellería de Educación reforme o E-Dixgal e acorda incorporar o reforzo dos equipos de saúde mental por iniciativa do PSdeG
A viceportavoz do Grupo Socialista Elena Espinosa acusou hoxe ao PP de terse convertido no “partido do non” logo dun Debate do Estado da Autonomía -DEA- no que rexeitaron 39 das 40 propostas de Resolución que presentou o Grupo Socialista. Emprazou ademais ao PP a resolver o “problema enorme que ten consigo mesmo” ao rexeitar oficialmente a condonación da débeda cando onte ofrecían un texto alternativo para “xustificar un cambio” de discurso e “salvar a cara” cando Rueda empeza a asumir que debe aceptala.
Acusou ao PP de ter presentado unha batería de iniciativas parlamentarias dirixidas ao enfrontamento co goberno central e coa oposición e que, despois de dous días intentando nos que o Grupo Socialista intentou chegar a acordos, “en vez de atopar ao partido de Goberno da Xunta, atopamos ao partido da confrontación”.
A responsable socialista fixo un relatorio das propostas presentadas polo Grupo Socialista neste Debate do Estado da Autonomía que incluían un plan real para afrontar o impacto da política arancelaria de Trump, incluíndo esta condonación da débeda para garantir máis recursos para Galicia. Lembrou que os galegos e galegas teñen hoxe o triplo de débeda dende que goberna o PP, que pasou de 4.859 millóns en 2009 a 12.154 en 2024.
Tamén incluíron a creación dun Banco Público de Alugueiro que garantira uns prezos razoables aos inquilinos e seguridade xurídica aos propietarios, así como un Plan de construción vivenda pública e un plan de rehabilitación logo de 16 anos de desleixo por parte do goberno galego.
En materia de sanidade, os socialistas galegos propuxeron fixar a atención nun tempo límite de 48 horas, así como restablecer un número máximo de consultas e procesos para cada profesional. Reivindicou unha sanidade pública, universal, de calidade e de proximidade fronte a un goberno galego que só dedica os seus esforzos en agochar as listas de espera reais.
Propuxo un Plan de primeira oportunidade para garantir emprego destinado a 10.000 mozos e mozas de Galicia, así como unha política enerxética recoñecible que faga de Galicia un “referente en enerxías renovables” e que pasa por rexeitar a macroplanta de celulosas de Altri. Tamén sinalou as propostas en materia de sector primario, forestal, incendios, despoboamento, lingua, deporte, mobilidade, calidade democrática ou violencia machista.
Todas elas foron rexeitadas polo PP, que tamén se negou a “dar un xiro” na xestión das políticas sociais por parte dunha Xunta que, lembrou, demostraron no “aniversario do Presidente” da semana pasada que “confunden caridade co que son dereitos baseados na solidariedade e na xustiza social”. Afeoulles que fixeran aos perceptores de axudas sociais expoñerse nun escenario a contar o seu caso, “onde por certo no estaban os 2.700 dependentes que esperan unha residencia”.
Iniciativas aprobadas
O Parlamento si que aprobou unha proposta de Resolución do Grupo Socialista transaccionada co PP para garantir un sistema educativo de calidade, garante da igualdade de oportunidades e inclusivo”, malia que foi votada en contra polo BNG. A proposta inclúe a redefinición do programa E-Dixgal que está a reclamar a comunidade educativa, cun novo modelo de dixitalización consensuado e garantindo ademais uns servizos complementarios “de calidade”.
Tamén foi aprobada unha proposta de Resolución do PP en materia de sanidade que incorporaba unha transacción co Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que aumentara os equipos de Saúde Mental no sistema sanitario á que tamén se opuxo o BNG. Espinosa reclamou converter a saúde mental nunha prioridade, logo de lembrar que Galicia fora a segunda Comunidade Autónoma na que máis se deteriorou nos últimos anos, con listas de espera inasumibles e as ratios de profesionais máis baixas do Estado.
Texto da Proposta de Resolución do Grupo Socialista aprobada hoxe:
Resolución resultante da transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista verbo da proposta de resolución número 20 do PSOE
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a seguir mellorando o sistema educativo poñendo en marcha medidas que posibiliten un sistema educativo de calidade, garante da igualdade de oportunidades e inclusivo, a través dunha estratexia específica nesta materia; a redefinición do programa E-Dixgal, con un novo modelo de dixitalización consensuado; e o mantemento da calidade nos servizos educativos complementarios, ámbito no que Galicia xa é referente dentro de España”.