A viceportavoz socialista sinalou que “o que lle debería preocupar a Rueda son as listas de espera interminables en dependencia, as dificultades para acceder á atención primaria ou o feito de que a mocidade galega non poida emanciparse pola falta de acceso a unha vivenda digna”, engadiu
A portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Elena Espinosa, criticou hoxe a actitude do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a quen cualificou de “choromica” por estar sempre instalado na queixa permanente e na confrontación co Goberno de España.
“O presidente Rueda lamenta que os ministros do Goberno do Estado visiten Galicia os luns porque coincide co Consello da Xunta, pero foi el quen decidiu cambiar estas reunións de xoves a luns. Primeiro queixábase de que non viñan, e agora que veñen tampouco lle parece ben. O problema non é a axenda, senón a necesidade constante de fabricar agravios”, denunciou Espinosa.
A portavoz socialista recomendou a Rueda “menos choros e máis traballar” e esixiulle a que se centre nos problemas reais de Galicia en vez de buscar escusas para desviar a atención. “O que lle debería preocupar son as listas de espera interminables en dependencia, as dificultades para acceder á atención primaria ou o feito de que a mocidade galega non poida emanciparse pola falta de acceso a unha vivenda digna”, engadiu.
Ademais, Espinosa deu conta dos temas que levará ao próximo pleno o Grupo Socialista, no que Besteiro preguntaralle a Rueda sobre desigualdade e acceso aos dereitos. Sinalou que o PP está a provocar graves desigualdades en Galicia. O 80% das persoas con dereito á dependencia nin sequera a solicitan.
Tamén advertiu que o tempo medio de espera para unha primeira cita en saúde mental é de catro meses, mentres que en atención primaria supera as dúas semanas, polo que, remachou, as políticas de recortes e desleixo do Goberno galego “están poñendo en risco o acceso a dereitos fundamentais”.
Emprego e fuxida da mocidade
O PSdeG presentará no próximo Pleno unha Proposición Non de Lei para instar á Xunta a deseñar en dous meses un Plan de Emprego para Mozos e Mozas, ligado a un plan de choque para garantir oportunidades laborais e acceso á vivenda. Asegurou que “frear a hemorraxia de xente moza que marcha cada ano é unha necesidade de país, e o PP debe estar á altura”.
Dependencia
O Grupo Socialista presentará unha pregunta urxente sobre os alarmantes datos de espera en Dependencia, con 4.000 persoas que esperan para ser valoradas en Galicia. Denunciou que a Xunta galego levou a Dependencia a unha situación crítica porque é un dereito co que nunca estiveron de acordo, denunciou Espinosa, quen lembrou que Galicia, xunto con Castela e León e Aragón, reduciu a súa aportación á dependencia a pesar da inxección de fondos estatais.
Lingua galega
Os socialistas defenderán unha Interpelación para instar ao Goberno galego a que cumpra cos acordos acadados no Parlamento en defensa e promoción da lingua. Denunciou que “por primeira vez desde que hai datos, o galego é menos empregado que o castelán”, e advertiu que o Goberno de Rueda é o principal impulsor das políticas contra a nosa lingua”, antes de esixir o cumprimento dos compromisos coa Mesa pola Normalización Lingüística e coa Lei Paz Andrade.
Outras iniciativas
Os socialistas defenderán de novo no vindeiro pleno unha moción sobre o sector lácteo e a necesidade dun foro de diálogo, Proposición non de Lei sobre comunidades enerxéticas locais e autoconsumo compartido. Tamén presentarán preguntas sobre as reivindicacións das familias do CEIP de Bergantiños, en Carballo , para mellorar a atención ao alumnado con necesidades educativas especiais.
Levarán unha pregunta sobre a creación de prazas de atención diúrna para adultos con Trastorno do Espectro Autista na comarca de Pontevedra, e finalmente, Elena Espinosa reclamou ao PP “saír da súa estratexia de confrontación permanente e dedicarse a gobernar de verdade. En Galicia hai moitos problemas que atender, e os socialistas estamos aquí para poñelos sobre a mesa e buscar solucións”, concluíu,
Altri
A preguntas dos xornalistas sobre as últimas novas sobre Altri, Espinosa dixo que “o que sabemos dese informe é o mesmo que saben vostedes, o que publicaron os medios. Agardaremos a ter acceso a el para poder valoralo con detalle”.
Porque, continuou, “co proxecto de Altri xa vimos como actuou o PP dende o primeiro momento. Primeiro vendérono como un superproxecto ecolóxico e estratéxico, despois resultou que era unha celulosa. Primeiro prometían miles de postos de traballo, despois xa nin uns centos. E, para rematar, seguimos sen saber si a empresa e viable sen cartos públicos”.
Como partido, esiximos transparencia e rigor, pero queda claro que da primeira nada e do segundo, máis ben pouco.