O deputado socialista Juan Díaz Villoslada levará ao próximo Pleno do Parlamento unha pregunta sobre o proxecto de continuación da Vía Ártabra presentado hoxe en A Coruña pola conselleira de Política Territorial. O responsable socialista esixe a conexión da vía coa A-6 como “necesidade” fundamental para a comarca, e alerta do risco de limitar a obra a conectar a vía coa autoestrada de peaxe AP-9.
Explicou que a conexión coa autovía A-6 é “unha necesidade para toda a comarca, unha solución completa que pecha o sistema viario da comarca dando servizo a tódolos concellos, tanto a persoas como a empresas”. Advertiu de que a proposta da Xunta, de conectar unicamente coa AP-9, “vainos deixar unha vía a medias, cun custe elevado, con peaxe directo, que fará que quede infrautilizada e sen servir un investimento millonario para mellorar a mobilidade na área coruñesa”.
Díaz Villoslada defendeu “o interese xeral e a boa planificación” fronte a un PP que, dixo, “trata de escondera súa falla de dilixencia os continuos incumprimentos, tensionando e enfrontando a concellos veciños”. Denunciou o “oportunismo e localismo” demostrado polo PP, así como a “falla de responsabilidade e de planificación” que demostra no referente á conexión da Vía Ártabra e a súa conexión coa AP-9 no Concello de Cambre.
Reivindicou así unha solcuión “global para toda a comarca, que garanta o equilibro territorial e a cohesión social que recolle o Plan Sectorial aprobado en 2004”. Explicou que a conexión coa A-6 da resposta ao servizo de “veciños e empresas de toda a área coruñesa, sen localismos” e que “serve para unir a tódolos concellos, dende Arteixo ata Oleiros, pasando por Cambre, Carral, Bergondo ou Culleredo”.