O responsable do Grupo Socialista no Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, Abel Losada, reivindicou hoxe “calidade de emprego, salarios dignos e políticas públicas” de impulso á natalidade. Así o dixo logo dun encontro co portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, e os representantes do PSdeG no organismo que foi constituído hoxe na sede do Consello Económico e Social.
Reclamou políticas públicas para “que as unidades familiares poidan tomar a decisión de ter fillos” xa que, dixo, “cos niveis salariais actuais non podemos pedirlle heroicidades á sociedade”. O responsable socialista debullou as liñas mestras das aportacións socialistas neste órgano “dende unha perspectiva positiva e tendo en conta que o envellecemento é un éxito da sociedade, pero que o problema é a baixa natalidade”.
Criticou o “problema da dereita”, que “historicamente é moi pronatalista, pero ao mesmo tempo favorable a unha dinámica económica para sociedades duais low cost segmentadas por xénero e idade que dificultan a maternidade”. Alertou así da precarización labroal e dun “enfoque asistencialista das políticas sociais” que “non van ao fondo do problema”.
Así o dixo logo da constitución do Observatorio e dos cinco grupos de traballo, para os que os socialistas galegos designaron á doutora en Socioloxía Obdulia Taboadela –Emigración/Inmigración-, o alcalde de O Carballiño Francisco Fumega –Envellecemento-, a deputada Noela Blanco –Apoio ás familias-, o ex conselleiro e ex deputado Francisco Sineiro –Medio Rural-, e a representante de Xuventudes Socialistas Paula Castiñeiras –Xuventude-.
Folga de úteros
A doutora en Socioloxía Obdulia Taboadela advertiu que “hai folga de úteros polas dificultades de ter fillos”, para reclamar a continuación “políticas que faciliten a maternidade e a paternidade” seguindo a liña marcada polos países europeos “que nos levan vantaxe”.
Reivindicou “vontade política e valentía para afrontar os retos, preguntarlle á xente como quere vivir e por que non teñen fillos e poñer en práctica medidas” como, apuntou, facilitar a incorporación ao mercado laboral das mulleres ou subir os salarios. Reclamou unha mellor perspectiva laboral para as mulleres e que permita frear a fuxida de mozos por falta de traballo.
Apuntou a “políticas de corresponsabilidade” dirixidas aos varóns “pero tamén ás ao empresariado e ás institucións públicas, como baixas de maternidade e paternidade máis longas”.
Taboadela reclamou políticas fiscais de impulso da natalidade con “descontos, oportunidades, axudas para garderías ou coidados na casa” e, en definitiva, o apoio á natalidade a partir de constituír “familias máis iguais, que está comprobado que terminan sendo máis proclives a ter fillos”.