Reclámalle á Xunta que acepte o acordo de país para a blindaxe da sanidade pública proposto por Besteiro
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, responsabilizou hoxe ao goberno galego da “tormenta perfecta” que está a vivir a sanidade pública pola falla de persoal sanitario. Espinosa interveu na comparecencia do conselleiro de Sanidade no Pleno do Parlamento, onde sinalou que “o problema real é que faltan médicos de atención primaria e pediatras polos recortes provocados polo PP”, que deixou sen formar 1.541 profesionais sanitarios dende 2012.
A responsable socialista retratou unha sanidade galega en “situación límite” polo récord de camas pechadas no verán, a falla de pediatras en máis de concellos galegos, o servizo de ambulancias “tambaleándose” mentres o conselleiro anuncia alegremente o peche de centros e sinala ao goberno de España. Lembroulle que as competencias en materia de sanidade lle corresponden ao goberno galego.
Explicou que mentres o Estado “aumentou o 40 por cento as prazas de formación”, superando o máximo histórico de prazas certificadas para Galicia nos últimos 6 anos de forma consecutiva. Sen embargo, engadiu, é a Xunta a que se ten demostrado “incapaz” de asumir tódalas prazas certificadas polo Ministerio de Sanidade, así como de cubrir as que si aceptan, deixando prazas de formación sen completar e amosando que “non están á altura das circunstancias”.
Reclamoulle á Xunta que acepten o acordo de país proposto polo líder socialista, Gómez Besteiro, no debate de investidura, e que “invistan en Sanidade”, xa que Galicia é a Comunidade Autónoma do Estado co menor investimento por habitante en Sanidade, ao igual que en educación e políticas sociais no ano 2022, segundo Fedea. Ademais de contar cuns orzamentos insuficientes, sinalou que “deixan facturas sen pagar nun caixón dun ano para outro dende o mes de agosto”.
A responsable socialista reclamoulles un Plan a medio prazo para garantir o servizo de Pediatría e un Plan de choque co obxectivo de reducir as listas de espera “insoportables” en atención primaria e especializada. Explicou que a pesares de que as listas de espera non recollen a realidade porque so contabilizan o tempo dende que son axendadas.
Espinosa reclamoulle ao conselleiro que dea conta da información coñecida estes días do caso dunha paciente con cancro enviada de volta á casa sen recibir quimioterapia pola saturación do Hospital Álvaro Cunqueiro. Engadiu que as esperas poden chegar a 130 días en neurocirurxía en Santiago ou Ourense, e unha consulta de rehabilitación tarda 154 días en Lugo e 317 en Ourense.
Pediu un acordo de país para blindar e reforzar a sanidade galega, garantindo a convocatoria e cobertura de prazas sanitarias nas especialidades deficitarias e un plan real de incentivos que permita contratar médicos nas prazas de difícil cobertura e salvar así o colapso da atención primaria, cubrir as faltas de pediatras e evitar o peche de centros por falta de médicos.