Advirte que levan 7 anos comendo en casetas de obra
A viceportavoz do Grupo Socialista, Elena Espinosa, esixiulle á Consellería de Educación que garanta un servizo de comedor digno para os nenos e nenas do CEIP Altamira, en Salceda de Caselas, que levan 7 anos comendo nunhas casetas de obra instaladas en 2018 pola falta de espazo no centro. Espinosa presentou esta demanda na Comisión de Economía do Parlamento, que o PP rexeitou.
A responsable socialista considera “inxustificable” que o PP rexeitara esta “reivindicación xusta” para os nenos e nenas, que levan xa 7 anos soportando o que era unha “solución provisional” tendo que comer nunhas instalacións que nun primeiro momento non tiñan auga corrente, electricidade, baños nin equipo de climatización, e que por suposto tampouco cumprían coa Lei de accesibilidade.
Reclamoulle ao goberno galego que habilite unhas novas instalacións de comedor, e desta forma “desterrar os actuais contedores nos que se presta o servizo”. Lembra que o Colexio vén prestando o servizo de comedor dende o ano 2010, cando empezou con 50 nenos e nenas do propio CEIP e do Colexio Rural Agrupado Raíña Aragonta, cando xa se quedaba pequeno, polo que o goberno galego instalou as casetas en 2018, pero dende aquel momento non melloraron en nada.
Espinosa reivindicou uns servizos complementarios de calidade que permitan atender ás necesidades mínimas da poboación, neste caso no servizo de comedor escolar, que constitúe unha extensión do proxecto educativo que contribúe a desenvolver hábitos de alimentación sans e resulta imprescindible para a conciliación das súas familias.
Espinosa reclama unhas infraestruturas acaídas para este servizo complementario na localidade que máis medra de Pontevedra e que está a demostrar o seu pulo demográfico medrando un 37,6 por cento durante o século XX e a primeira década do XXI, ata chegar aos 9.450 habitantes o ano pasado, o 20,2 por cento deles menores de 18 anos.