Acusa ao goberno galego de “tomarlle o pelo” aos 13 concellos galegos que están a prestar este servizo competencia da Xunta
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, esixiulle hoxe á Xunta que asuma o compromiso acadado cos concellos e asuma a xestión das Unidades Asistenciais de Drogodependencias -UAD-. A responsable socialista presentou unha proposta neste sentido na Comisión de Sanidade do Parlamento, que foi rexeitada polo PP, ao que acusou de “tomarlle o pelo” aos 13 concellos que prestan este servizo.
A responsable socialista criticou que o goberno galego leve xa 25 xuntanzas cos concellos, pero “non cumpriron nin o primeiro dos compromisos acadados cos concellos” para impulsar a transferencia deste servizo que os concellos non poden financiar.
Puxo como exemplo que o goberno galego aporta ao Concello de Vigo tan só 540.000 euros para a prestación da asistencia á drogodependencia, cando necesita dun orzamento de 1,3 millóns de euros para un servizo que é competencia da Xunta. Esta situación está a crear disfuncións e problemas na atención aos pacientes, vítimas das deficiencias de coordinación entre o servizo de Saúde Mental, a Atención Primaria e os dispositivos municipais.
Espinosa lembra que os concellos levan máis de 10 anos reivindicando pedíndolle á Xunta que asuma esta competencia, que non avanzou malia á constitución, en 2018, dunha comisión mixta para ordenar o traspaso, e de que en 2021 aprobaran unha iniciativa do Grupo Socialista no Parlamento para iniciar o procedemento.
Explica que o 19 de decembro de 2022 constituíron unha comisión de transferencias Xunta – Concellos, pero que “aínda que a Xunta establece un cronograma, este non se está cumprindo”. A responsable socialista explicou que, despois de toda esta traxectoria, o goberno galego mantivo unha xuntanza coa Fegamp na que puxeron enriba da mesa un convenio que “empeora substancialmente o financiamento aportado pola Xunta”.
A parlamentaria socialista presentou unha iniciativa para reclamarlle ao goberno galego que reactive de forma inmediata a Comisión Mixta para integrar as UAD no Sergas ao longo deste mesmo ano, e lles esixe que asuman o financiamento completo deste servizo mentres dure o proceso de integración.