Advirte que o responsable da construción da infraestrutura confirma na Comisión de Investigación que os servizos complementarios non coinciden cos previstos no estudo de viabilidade
A viceportavoz do Grupo Socialista, Elena Espinosa, sinalou hoxe que o goberno galego provocou o incumprimento do Plan Funcional do Hospital de Vigo ao cambiar o proxecto orixinal. Así o dixo na comparecencia do xerente da Área Sanitaria na Comisión de Investigación do Parlamento, na que responsabilizou a Feijóo e Rueda de cambiar o proxecto orixinal e incumprir tódolos ratios previstos a pesares de provocar un sobre custe de 470 millóns de euros.
Espinosa resumiu que ao reducir o novo hospital provocaron que fora incapaz de asumir a totalidade da poboación, garantir tódolos servizos de referencia ara atender ao sur de Galicia e reducir o peso relativo da privada. A tamén portavoz de Sanidade sinalou como exemplo que as 2.000 camas previstas quedaron en tan só 1.321 entre o Álvaro Cunqueiro, o Meixoeiro e o Nicolás Peña, mentres deixaron os quirófanos en 36.
Sinalou que tampouco acadaron o obxectivo de 38.300 intervencións cirúrxicas, 49.600 ingresos previstos, e tampouco é referencia en cirurxía maxilofacial nin de queimados, e todo iso a pesares de ter provocado un sobrecuste de 470 millóns de euros a favor dun fondo de investimento, tal e como certificou o Consello de Contas.
Servizos complementarios
Na xornada de hoxe tamén compareceu o director do Proxecto Novo Hospital de Vigo, que confirmou que os servizos complementarios previstos no estudo de viabilidade non coinciden cos que foron finalmente obxecto da concesión, como tamén sinalaba o informe do Consello de Contas. Espinosa lembrou que segundo o ente fiscalizador houbo modificacións sen xustificar no proxecto e nos prazos.
O mesmo sucede cos prazos, que inicialmente era de 3 anos para a construción e outros 17 de explotación, pero finalmente foron asinados para un período de 3 anos de construción pero 20 anos máis de explotación.