A deputada socialista advertiu que seguen sen esclarecerse cuestións como a modificación da superficie útil do Hospital Álvaro Cunqueiro “sen ningún tipo de xustificación”, os cambios nos prazos da concesión “tamén sen motivación” ou a ampliación do ámbito a outras unidades “onde non concorren as circunstancias de obra e explotación”
“Vostedes teñen que vir dous, e o PP veta a quen realmente tivo responsabilidades no que se investiga: Feijoo”. Con esa referencia á comparecencia de dous conselleiros maiores do Consello de Contas, mentres botaba en falta a presenza de quen foi presidente de Galicia durante 13 anos, criticou a deputada socialista Elena Espinosa as eivas no programa de traballo da comisión de investigación dos contratos da Xunta.
Espinosa denunciou na sesión desta tarde que o labor da comisión se viu obstaculizado dende o primeiro momento. “Empezamos con vetos, e as emendas que presentamos foron rexeitadas con informes xurídicos que despois nunca se entregaron”, precisou, e lamentou ademais que na mesma comisión “se cuestionara o traballo do Consello de Contas, e, sobre todo, que o fixera alguén que tivo responsabilidades políticas vinculadas coa materia, como a señora Fernández Currás”.
Na súa intervención, a viceportavoz do Grupo Socialista apuntou diversas cuestións que, a medida que avanza a comisión, continúan sen esclarecerse. Entre elas, citou “a modificación da superficie útil do Cunqueiro, que foi cambiada en dúas ocasións sen ningún tipo de xustificación”, como tamén as modificacións “nos prazos concesionais sen motivación”.
Tampouco se aclarou, segundo advertiu, por que un contrato previsto “para un tema concreto”, como a execución dunha obra “e unha explotación determinada”, se amplía “a outras unidades onde non concorren as circunstancias de obra e explotación”. Porén, con todas esas incógnitas no aire, “non está comparecendo o máximo responsable político, que é o señor Núñez Feijoo”, subliñou.