O Parlamento aproba unha proposta do Grupo Socialista para que a Xunta colabore coa Fegamp para delimitar as competencias impropias que están a asumir os concellos galegos
Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2024. A portavoz do Grupo Socialista na Comisión do Consello de Contas, Elena Espinosa, acusou a PP e Xunta de “desprezar” o traballo de fiscalización do Consello de Contas desatendendo ano tras ano as recomendacións remitidas polo ente. Así o dixo no debate das propostas dos grupos ao Plan de traballo para 2024 e dos informes de fiscalización da Memoria de 2022, que tivo lugar hoxe en Comisión parlamentaria.
A responsable socialista advertiu que o goberno galego aplica pouco máis de unha de cada dez recomendacións remitidas polo Consello de Contas, tal e como sinala o propio órgano, o que constitúe “un pésimo resultado por parte da Xunta de Galicia”. Na memoria do Consello correspondente ao ano 2022, a última presentada no Parlamento, só aplicaron 13 das 109 recomendacións remitidas, cando máis da metade viñan xa sen atender de anos anteriores.
Lamentou que o goberno galego nin atende ás recomendacións nin quere aumentar o debate sobre os informes e incrementar a transparencia, dándolle “nulo valor á rendición de contas e á importancia dos órganos de control ou á súa función de fiscalización e prevención da corrupción”. Lembrou que “a sociedade galega ten dereito a coñecer a forma de utilización do diñeiro público, así como o cumprimento da eficiencia e legalidade das contratacións e as políticas públicas.
A parlamentaria socialista defendeu hoxe as 38 propostas de resolución presentadas polo Grupo Socialista aos informes de fiscalización, e afeoulle ao PP que rexeitara pedirlle á Xunta que presenten un plan de contabilidade pública, e paren co abuso das modificacións orzamentarias a medio exercicio, que demostra unha “deficiente orzamentación”. Criticou que o goberno galego “non ten intención de ser máis transparente, nin de facer unha xestión máis eficaz e máis eficiente”.
Propostas de resolución
A Comisión aprobou só dúas das 38 propostas de resolución presentadas polo Grupo Socialista aos informes de fiscalización do sector público e ningunha das 60 recomendacións ao Plan anual de traballo para 2024.
As propostas aprobadas reclámanlle á Xunta que colabore coa Fegamp para precisar as competencias impropias desenvolvidas polas administracións territoriais, así como o seu custe e que permitan que Contas fiscalice ás fundacións de investigación conectadas cos centros sanitarios.
Texto das propostas de Resolución presentadas polo PSdeG aos informes de fiscalización do sector público aprobadas hoxe
Proposta de Resolución número 16 do GP dos Socialistas de Galicia
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a integrar a todos os efectos as Fundacións de investigación con conexións cos centros sanitarios públicos no sector público autonómico, sometendo, polo tanto, as súas contas á rendición do Consello de Contas de Galicia”.
Proposta de resolución número 29 do GP dos Socialistas de Galicia, transaccionada
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar colaborando coa Fegamp e no seno da Comisión Técnica de Delimitación Competencial co fin de precisar as competencias impropias que están sendo desenvolvidas por ambas as administracións territoriais, así como o custo delas”.