anuncia unha proposta de modificación as normas de funcionamento da Comisión do Consello de Contas para garantir a comparecencia do conselleiro maior na Cámara
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión do Consello de Contas, Elena Espinosa, acusou hoxe ao PP de amordazar ao órgano fiscalizador ao impedir a comparecencia no Parlamento do seu máximo responsable. Espinosa interveu na primeira comparecencia do conselleiro maior en máis dun ano, e alertou de que leva en concreto 484 días sen intervir na Cámara autonómica porque “o traballo do Consello de Contas non lle gusta ao PP”.
Espinosa criticou esta “anomalía democrática” que supón nu “indicador claro da nula vontade de control do bo uso dos recursos públicos pola maioría absoluta deste Parlamento e do nulo valor que se lle concede á rendición de contas e a importancia dos órganos de control externo como o Consello de Contas.
O responsable do Consello de Contas comparecía hoxe por primeira vez para dar conta do informe de fiscalización do ano 2021 e para presentar o plan de traballo deste mesmo ano mentres, explicou Espinosa, no parlamento veciño de Castela e León xa suman 9 comparecencias do ente fiscalizador no que vai de ano.
A responsable socialista acusou ao PP “invisibilizar” o traballo do ente fiscalizador, xa que ao adiar e acumular a presentación dos sucesivos informes debilitan o labor de control, agochando que a Xunta non cumpre nin o 12 por cento das recomendacións do Consello de Contas, moitas delas recorrentes, que son presentadas de forma reiterada.
Anunciou que por este motivo os socialistas galegos presentarán unha proposta diante da Mesa do Parlamento co obxecto de modificar as normas de funcionamento da Comisión para as relacións co Consello de Contas e garantir que se convoque “en tempo e forma”. Esta é a única maneira, dixo, de “garantir que realmente cumpra co seu labor”.
Censurou que o único interese do PP e do goberno galego sexa agochar o “pésimo resultado” da Xunta de Galicia no canto ao cumprimento das recomendacións do ente fiscalizador e que Galicia foi nos exercicios 2020 e 2021 “a peor Comunidade Autónoma na execución dos fondos previstos para corrixir os desequilibros económicos territoriais e a solidariedade. Sinalou que esta realidade constitúe unha “carta de presentación terrible” de cara ao novo modelo de financiamento.
Advertiu que o goberno galego demóstrase ano tras ano “incapaz” de xestionar os fondos que chegan dende o Estado, xa que Galicia recibiu 828,38 millóns de euros de fondos covid no ano 201 pero “non concreta o destino de 43,83 por cento”, non explican o que fixeron con preto da metade dos fondos que recibiron. Lembrou que a día de hoxe seguen sen explicar onde enviaron os 159 millóns de euros de fondos covid para sanidade no ano 2020.
Advertiu que esta xestión nefasta ten un impacto negativo directo na atención á cidadanía, xa que Galicia é a novena Comunidade Autónoma que menos orzamento dedica á sanidade por habitante, con 1.699,78 euros de media. Galicia atópase moi por debaixo, dixo, de Comunidades Autónomas como Asturias -1.931,33 euros per cápita-, País Vasco -1.897,66- ou Castela e León -1.811,08 euros per cápita-.
Explicou que naquel ano 2021 Galicia continuou incrementando o índice de temporalidade no persoal sanitario, mentres a actividade hospitalaria con medios alleos ascendeu ata o 40 por cento nas áreas sanitarias de Lugo, A Mariña ou Monforte de Lemos. Espinosa resumiu que “non invisten o diñeiro dispoñible, precarizan ao persoal e externalizan o servizo”, provocando unha caída drástica na calidade do servizo.