A parlamentaria socialista Begoña Rodríguez Rumbo reclamou hoxe a mediación do goberno galego para acadar o pago das débedas da anterior adxudicataria dos comedores escolares do Lote 3 de Bergantiños. Rodríguez Rumbo presentou unha pregunta na Comisión de Educación na que sinalou que Gescor segue sen pagar a débeda cos traballadores e ten pendente o pago de 5.000 euros a unha panadería.
A responsable socialista criticou a lentitude do goberno galego á hora de facer fronte ás queixas provocadas polas eivas rexistradas nos centros escolares CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro de Cerceda, CEIP Bergantiños e CEIP Gándara Sofán de Carballo, e os CEIP Joaquín Rodríguez Otero e o CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños.
Rodríguez Rumbo lembrou que, a pesares de que os pais e nais amosaron a súa conformidade cos menús, si que tiveron que padecer o pago de seis meses dunha soa vez polas deficiencias da empresa á hora de tramitar as facturas. Ademais, a forma de elaborar os menús, acumulando o lote completo na cociña do CEIP Celso Emilio Ferreiro, supuxo pasar de 67 a 342 menús sen as instalacións acaídas, soportando continuos cortes de luz e salvando a falla de espazo para almacenamento.
Aínda que o goberno galego rematou rescindindo o contrato, a día de hoxe mantense a débeda da empresa tanto cos traballadores como cos provedores locais, polo que reclamoulle ao goberno galego que “poña os medios para que esta xente cobre” e a mediación para saldar a débeda cos comercios.
Criticou que a resposta do goberno galego “non foi tan áxil como quere facer ver”, xa que acumulou queixas sobre o pago a provedores dende setembro de 2017, e actas dos centros por problemas sanitarios a data 3 e 30 de marzo e 11 de abril. Advertiu que “a 20 de maio o colexio non tiña ningunha resposta, porque así o colexio tiña que facerse responsable do que puidera pasar”.