O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, reclamoulle hoxe á Consellería de Educación que reforce ao profesorado do ensino público non universitario para desafogar os horarios dos docentes. No debate dunha interpelación no Pleno do Parlamento, lembrou que a Xunta ten vía libre para contratar máis profesores e fixar os horarios lectivos.
O responsable socialista revelou hoxe que a Consellería de Educación está a contratar cada ano 1.100 profesores menos dos que están previstos nos Orzamentos, co que “o seu argumento reclamando máis orzamento do Estado non vale”. Sinalou que “se o seu orzamento é capaz de soportar esa cantidade de profesorado, é razoable supoñer que se poderá dotar ao sistema educativo dese número de docentes”.
Dixo que “en realidade o que sucede é que non queren modificar os horarios dos profesionais docentes”, e lembrou que a Xunta ten liberdade tanto para incrementar o número de profesionais como para ampliar horarios. Álvarez advertiu que, ademais das horas lectivas, os docentes teñen que atender titorías, seminario, claustro, preparación de docencia, coordinación pedagóxica, actividades complementarias e extraescolares, atención a mestres en prácticas e formación.
Luis Álvarez preguntoulle denunciou que “con esta organización a Consellería é a que invita e os docentes pagan ao aumentarlles os horarios”, e reclamoulle á conselleira de Educación que explique “se teñen intención de modificar o marco normativo que regula os horarios do profesorado”.