A deputada socialista Patricia Vilán presentou hoxe unha serie de iniciativas parlamentarias sobre a dimisión do xefe do servizo de Oftalmoloxía das áreas sanitarias de Pontevedra e O Salnés, que deixará o seu cargo ao remate de febreiro. Apunta que “o motivo principal está na saturación do servizo pola acumulación de pacientes con cataratas”.
Vilán explica que “os números nas listas de espera xa non parecen cadrar e pode haber unhas 1.800 persoas máis das que o Sergas contaba, o que semella certa maquillaxe”. Mentres, engade, a dirección do CHOP “recoñece que hai un problema coas listas de agarda para as intervencións de cataratas e que existían algunhas cuestións de funcionamento que se deberan resolver”.
A parlamentaria socialista sinala que o propio xefe de servizo ofreceu como solución principalmente habilitar quirófanos polas tardes de forma extraordinaria, pero que foi desbotada pola Xerencia, “e agora vemos como un profesional de recoñecido prestixio abandona o seu posto”.
Lamenta que logo da manifestación de milleiros de persoas na capital de Galicia en contra da reforma das áreas sanitarias, o Sergas “non escatimara recursos para situar unha pantalla de plasma á entrada do Hospital Montecelo contando as supostas bondades do sistema”.