O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, denunciou hoxe o “desmatelamento progresivo” da sanidade pública por parte do goberno galego, sinaladamente no servizo de Pediatría. Así o dixo durante unha visita ao Centro de Saúde do Concello de Cariño, onde mantivo un encontro cos alcaldes deste Concello e de Cerdido e representantes de Cedeira e Ortigueira.
Os socialistas galegos levarán unha pregunta oral ao Pleno do Parlamento que se celebra a próxima semana sobre a “grave situación na que se atopa o servizo de pediatría nos concellos de Moeche, Cerdido, As Somozas e San Sadurniño”. Leiceaga reivindicou unha “maior atención ás necesidades sanitarias en Atención Primaria, e singularmente no servizo de Pediatría”, tal e como están reclamando os pediatras, os grupos parlamentarios e os representantes da sociedade.
O responsable socialista reclamou unha “atención sanitaria tendencialmente homoxénea no territorio para tratar a tódolos cidadáns por igual, cos mesmos niveis de cobertura” e cunha sanidade “máis robusta que atenda ás necesidades da xente”. Criticou que o goberno galego leve 10 anos “retirando e desmantelando servizos” ao mesmo tempo que “lle pide á sociedade que revitalice a demografía e manteña a presenza no territorio”.
Instou así a unha “mellora substancial na atención sanitaria” comezando pola “recuperación das condicións de traballo do persoal, con máis estabilidade laboral”. Sinalou a situación concreta da Pediatría, onde dixo que “cumpre empezar por acreditar ás unidades docentes para que poida haber máis prazas MIR e polo tanto unha oferta de pediatras que cubran o conxunto do territorio” e paliar así “os 10 anos de retraso” que ten acumulados o goberno galego.
Servizos
O responsable socialista mantivo un encontro cos alcaldes de Cariño e de Cerdido, Miguel Alonso Pumar e Benigno Galego, no que tamén participaron representantes institucionais dos concellos de Cedeira e Ortigueira, así como o portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, e o deputado da zona José Manuel Pérez Seco.
O alcalde de Cariño, Miguel Alonso Pumar, reivindicou a substitución e reposición de baixas dos facultativos de Pediatría no Centro de Saúde de Cariño. Sinalou ademais a urxencia de restituír o servizo en Cerdido, As Somozas, Moeche e San Sadurniño, que veñen de quedar sen especialista de Pediatría mentres o goberno galego quere manter o servizo con profesionais non especializados, co que “o servizo non é axeitado”.
Alertou ademais que as baixas tanto de Cariño como de Ortigueira e Mañón “non son substituídas, co que o servizo queda en suspenso e os pacientes son derivados a Cedeira, onde os seus veciños tamén se ven afectados por un servizo que pasa de responder a un único concello a sumar os pacientes de 4 localidades”.