A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, presentou hoxe unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que explique por que “mirou para outro lado” fronte aos vertidos contaminantes ao Río Furelos en Melide, agora como conselleira e na súa etapa como alcaldesa da localidade.
A responsable socialista censura a “dobre faz” da conselleira que vén de presentar na Cámara autonómica unha Lei contra os residuos contaminantes pero “mira para outro lado” cando estes afectan á súa localidade, onde como alcaldesa “expresamente se opuxo a controlar os vertidos”. Explicou que hoxe hai aberto un procedemento penal no xulgado de Arzúa a instancias do actual goberno –de independentes e o PSOE- pendente do informe pericial.
Vilán explicou que os vertidos remóntanse a 2005, cando se detectaron no rego Piñor ao seu paso polo Polígono da Magdalena, que carece de depuración de augas, e que ademais verten a unha zona protexida LIC pola que transcorre o Camiño Francés. Dende aquela hai analíticas revelando a situación ata o último vertido detectado, no pasado verán, que supuxo a mortalidade de milleiros de peixes e o peche da praia fluvial de Melide.
Sinalou que a conselleira é “dobre coñecedora” da situación tanto como alcaldesa –ocupou o cargo entre 2004 e 2007 e entre 2011 e 2015- como na súa actual etapa como conselleira de Medio Ambiente. Lembrou o rexeitamento da alcaldesa Vázquez dunha moción do PSOE no Concello para frear os vertidos en xullo de 2005, e que a conselleira Vázquez tampouco fixo nada fronte ao informe do Servizo de Conservación da Natureza presentado en 2018.
O informe alerta dos vertidos sen control e pide que se oficie, trasladándolle a situación á autoridade xudicial, alertando ademais da presunta prevaricación do Concello, que lles cobrou ás empresas por un saneamento que non realiza, ademais de que parece permitir o enganche ás augas residuais sen ter un sistema de depuración.
Patricia Vilán advirte que a conselleira “non pode dicir que non coñece” unha situación que afecta ao seu propio Concello e pola que cumpre que ofreza tódalas explicacións “polos seus silencios” e a falla de actuación diante dun “gravísimo e reiterado problema”.
Concello
O parlamentario socialista Óscar Vilar Chento, que compareceu tamén na rolda de prensa de hoxe como deputado responsable da zona, alertou do “desleixo como alcaldesa” de Vázquez, que omitiu a ordenanza municipal que esixe un sistema de depuración para o Polígono Industrial.
Criticou que a hoxe conselleira de Medio Ambiente fixo caso omiso ao problema aprazara o seu interese polo problema ata o momento en que o PP foi descabalgado da alcaldía hai 8 meses. Sen embargo, advertiu que as súas declaracións agora non se comparecen co seu voto no Parlamento, xa que o PP rexeitou no último debate de Orzamentos unha emenda socialista para comezar a controlar os vertidos contaminantes.