O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Óscar Vilar Chento, denunciou hoxe o desleixo da Xunta fronte á praga de rata – toupa que está a afectar á montaña de Lugo. O responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento, na que acusou ao conselleiro de Medio Rural de “frivolizar” cun problema que provoca graves perdas para gandeiros e agricultores e pon en perigo o cobro das axudas da PAC.
Vilar Chento criticou que o conselleiro falara dun problema de “importancia relativa” cando esta praga de roedores afecta xa a 3.000 hectáreas dos concellos de Triacastela, Pedrafita, Cervantes, Folgoso do Courel, As Nogais e Samos, onde rexistran danos nos prados e á súa vez reducen a calidade dos forraxes. Alertou de que “cando un problema serio se ignora e non se realiza ningún plan de control, seguimento e prevención, córrese o risco de que vaia a máis e se multiplique”.
Denunciou que a Xunta non teña establecido ningún tipo de actuación fronte a un problema que coñecen dende marzo deste ano, amosándose “missing –desaparecida-”, como no caso da velutina ou da praga de xabaril. Mentres, dixo, outros gobernos autonómicos como Castela León, Asturias e Navarra teñen “feito os seus deberes” contra a praga de roedores que está a se estender dende hai anos por toda a Cornixa Cantábrica.
A “arvícola terrestris”, explicou, é unha especie que ten “unha bioloxía explosiva”, con ciclos moi repetitivos de alta intensidade reprodutiva, e que se adapta aos hábitat de pradería, onde morde a raíz das plantas e polo tanto acaba por eliminalas, e mina o campo, que enche de montículos, dificultando as tarefas de sega e ensilado.