O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, acusou hoxe ao goberno galego de ter suprimido un total de 1.274 prazas de docentes no ensino público obrigatorio entre 2009 e 2018 mentres no concertado aumentaron en 279 docentes. Así o dixo no debate dunha moción para mellorar as condicións laborais do persoal docente e garantir o remate das obras nas escolas antes do inicio do curso, que foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista remitiuse ás cifras oficiais da Consellería de Educación para acusar ao goberno galego de ter sobrecargando os horarios dos profesores e profesoras do ensino público para “conter o gasto público, mentres incrementamos por outro lado”. Criticou a negativa do PP e do goberno galego a “recuperar as condicións laborais dos docentes cuns horarios sobrecargados como consecuencia dunha normativa pensada para conter o déficit público”.
Álvarez situou o veto a esta proposta na liña das “decisións ideolóxicas” que dominaron a xestión do ensino público por parte do goberno galego na última lexislatura. Lembrou así a negativa a recuperar o modelo de gratuidade universal dos libros de texto posto en marcha polo goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, “máis xusto e eficiente” que o de Feijóo.
Sinalou a negativa a prohibir o reparto nos centros educativos da publicación da organización ultraconservadora Hazte Oir cuesionando as políticas de igualdade de trato e non discriminación por motivos de orientación sexual, e mesmo negáronse a consensuar a rede de centros coa comunidade educativa.
Obras nos centros
Álvarez esixiu ademais a mellora da planificación e xestión das obras nos centros educativos para evitar que estas impidan ou dificulten o inicio do curso educativo, e acusou á Consellería de “intentar ocultar atrancos no inicio do curso forzando o inicio en condicións inaxeitadas” para os alumnos e alumnas.
A proposta que hoxe rexeitou o PP incluía ademais pedirlle ao goberno galego que presente un plan de avaliación dos ditos programas de experimentación e innovación educativa, sinaladamente os de mellora de competencia lingüística do alumnado, o I Plan de Actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia, a introdución á robótica en Primaria, ou o bacharelato de excelencia en Ciencia e Tecnoloxía.
Criticou que o PP e o goberno galego se neguen a “avaliar programas que saben sobradamente fracasados”, e acusounos de agochar os datos oficiais de seguimento nestas distintas iniciativas mesmo nas peticións formais de documentación dende o Parlamento.