A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Control da CRTVG, Noela Blanco, denunciou hoxe o “descaro” amosado pola CRTVG á hora de intentar beneficiar a Feijóo e ao PP no tratamento informativo das pasadas eleccións xerais, municipais e europeas. Nunha pregunta oral en Comisión, acusou ao director xeral do ente de incumprir coa función de servizo público para “esaxerar aínda máis o espazo electoral do PP”.
A responsable socialista criticou así por exemplo que o debate electoral das eleccións xerais fora emitido ás 10,00 da mañá, un horario de “consumo mínimo”, e fora “esquecido” nos espazos informativos do resto do día. No caso das eleccións municipais, sinalou que mentres presentaron aos gobernos progresistas como “cidades sen lei” e pouco menos que exemplos do “eixo do mal”, o goberno do PP en Ourense “foi a casa da Gominola, a rúa da Piruleta e o mundo da Ilusión”.
O seu énfase por “atacar” aos gobernos socialistas, dixo, levounos a presentar aos traballadores de Ence como vítimas da “burla” e da “covardía” do goberno que si que os recibiu, aforraron os cualificativos nas protestas dos traballadores de Sogama, unha entidade participada pola Xunta nun 51 por cento.
Memoria
A responsable socialista criticou ademais que a CRTVG teña presentado hoxe un balance “marabilloso pero irreal” na Memoria correspondente ao ano 2018, que mesmo chega a ser “insultante” ao sinalar xuntanzas cos traballadores cando “levan sen falar con eles durante todo o ano”. Lembrou que os profesionais do ente “non queren ser o gabinete de comunicación do PP, senón xornalistas libres, independentes e ao servizo dos galegos e galegas”.
Blanco criticou que “non presenta a Memoria dun servizo público, senón unha memoria do servizo que lle están a facer a Feijóo”. Acusou ao director xeral de eludir deliberadamente o tratamento do goberno do Estado, a cobertura á medida de Feijóo nos espazos electorais ou os casos de “hipersexualización” das rapazas nos espazos da CRTVG.