Critica a redución do Patrimonio para beneficiar a 7.700 galegos máis ricos mentres lle quitan a tarxeta básica a 75.000 galegos e galegas que máis o necesitan
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou hoxe a “falla de complexos e tamén de escrúpulos” demostrada polo presidente da Xunta ao rebaixar os impostos aos máis ricos mentres retiran a tarxeta básica que axuda a quen máis o necesita para adquirir produtos básicos. Así o dixo na comparecencia do conselleiro de Facenda no Parlamento para presentar os Orzamentos da Xunta para 2023.
A responsable socialista criticou as desafortunadas declaracións do presidente da Xunta, que onte presumía de baixarlle os impostos aos máis ricos “sen complexos”. Lembrou que a Xunta aumenta o bonificación do imposto ao Patrimonio do 25 ao 50 por cento para darlle 3.500 euros os 7.700 galegos e galegas máis ricos, mentres a rebaixa para as rendas menores de 35.000 euros suporá “tan só 40 euros de media mensuais”.
Ao tempo, sinalou, retiran a tarxeta básica que permitía a 75.000 galegos e galegas o acceso a produtos básicos de supermercado, hixiene ou farmacia. Segundo a Rede Galega contra a Pobreza, a axuda, xunto co paraugas social despregado polo Estado, permitiu que 127.000 galegos e galegas evitaran o risco da pobreza en 2021, e agora a Xunta “no canto de manter un recurso absolutamente necesario para as familias que máis o precisan, vostedes o retiran unilateralmente”.
E todo isto, dixo, para emular a baixada de impostos que se levou por diante á primeira ministra británica Liz Truss en tan só 45 días, ao tempo que se negan a gravar aos que máis beneficios teñen xusto cando o Banco Santander vén de presentar unha conta de resultados que inclúe un aumento dos beneficios de máis do 25 por cento.
A responsable socialista advertiu que os Orzamentos presentados polo goberno galego “non ofrecen a resposta que Galicia precisa” xa que fracasan fronte aos retos inmediatos marcados polas consecuencias da pandemia e o impacto da guerra de Ucraína. Reclamou un modelo orzamentario diferente que “garanta unha Galicia máis verde, dixital e máis cohesionada sen que ninguén quede atrás”.
Explicou que a Xunta presenta un Orzamento fracasado de antemán porque, dixo, os galegos e galegas “necesitan unha sanidade pública de calidade e non ter que agardar 15 días por unha cita de atención primaria, e necesitan ter pediatras nos centros de saúde”. Reivindicou unha educación “de calidade” con libros de texto gratuítos e patios cubertos “en tódolos centros”, e un transporte público “que vertebre o territorio, fundamentalmente no rural”.
Tamén pediu “suficientes prazas nas residencias de maiores”, tarxeta básica para quen máis o necesite e un bono social térmico para toda a poboación que o precisa. Mentres, a Xunta presenta unhas contas que obvian as políticas de emprego e vivenda, e polo tanto “non van parar coa sangría demográfica” dunha Galicia que segundo o Eurostat en 2050 será a terceira rexión europea máis envellecida.
O goberno galego malogra, dixo, a oportunidade presentada polo maior Orzamento da historia derivado da “aposta decidida” do goberno do Estado encabezado por Pedro Sánchez, mentres o PP “votou en contra de que chegaran os fondos NextGenerationEU”. Lembrou que grazas ás xestións do goberno central, Galicia percibirá en 2023 ata 1.239 millóns de euros máis para facer fronte ás consecuencias da pandemia e da invasión de Ucraína.
Subliñou que o certo é que nos últimos cinco anos Galicia recibiu un 31 por cento máis de recursos que nos últimos cinco anos de goberno de Rajoy, polo que, dixo, “o goberno de Pedro Sánchez pon os recursos mentres o goberno da Xunta se dedica a contar contos”.