A viceportavoz do Grupo Socialista, Patricia Vilán, presentou hoxe as 40 propostas de resolución que os socialistas galegos presentaron hoxe no debate do Estado da Autonomía e que serán debatidas mañá. Logo da intervención do presidente da Xunta, ao que comparou cun “vendedor de fume” afastado do país, adiantou unha batería de propostas “para conectar coa realidade do país”.
A responsable socialista presentou as iniciativas dos socialistas galegos dirixidas a “mellorar a vida dos galegos e das galegas, impulsar unha Galicia moderna e sustentable, e incrementar a calidade da democracia e o autogoberno” de Galicia, ademais de “recuperar a forza dos servizos públicos”. Neste sentido, reclamou un mínimo de 20 centros de saúde no horizonte de 2020, para o que reclaman un investimento mínimo de 10 millóns de euros.
Vilán sinalou a situación “deficitaria” dos centros de saúde, con consecuencias graves como –lembrou- o falecemento dun paciente ás portas do PAC de A Estrada no pasado mes de agosto. Advertiu que o presidente da Xunta comezara a súa presidencia en 2009 comprometendo 62 Centros de Saúde, dos que “non fixeron nin 20, e onte xa nos anuncia 17, pero só fala do de Lugo”, mentres os seus propios alcaldes de A Estrada, Soutomaior, Cerdedo – Cotobade ou A Lama alzan a voz reclamando máis medios.
Tamén reclamou a proposta para reforzar o emprego en Galicia, reivindicando o impulso do diálogo social para consensuar medidas de recuperación das condicións de traballo e o aumento da estabilidade laboral nun horizonte de 6 meses. Sinalou especialmente á situación laboral das mulleres, cando “por cada home con contrato temporal, hai 4 mulleres contratadas en precario”.
Reivindicou ademais incrementar o persoal dos equipos de valoración da discapacidade para evitar que se prolonguen situacións como as de Pontevedra, onde “un rapaz de Pontevedra ten que agardar un ano para rematar coa súa valoración, e iso cando é prioritario”.
A viceportavoz do Grupo Socialista reclamou que o goberno galego presente o Plan Director de Estradas de Galicia, recuperando para o período 2019-2022 “cando menos as previsións que contiña o denominado Plan Move”, que está executado apenas nun 40 por cento. Reclamou unha acción eficaz para mellorar a calidade das estradas galegas, logo dun ano 2017 “terrible en accidentes de tráfico” que, engadiu, “ten que ver co mal estado das nosas estradas”.
En materia medioambiental, propuxo un informe sobre a estratexia de transición ecolóxica de Galicia, e reclamou que se impida instalar plantas de tratamento de residuos cerca das vivendas, limitando a súa instalación ao solo industrial, para evitar situacións como a da mina de Casalonga, no Concello de Teo, en pleno núcleo rural.
Finalmente, propuxo abrir ás visitas gratuítas ao Pórtico da Gloria e os demais monumentos declarados BIC titularidade da Igrexa, “sobre todo aqueles nos que se teñen utilizado fondos públicos”.
Reprobación
Os socialistas galegos levan ao Debate do Estado da Autonomía a reprobación do alcalde de Vilanova logo de ter cualificado á presidenta da Deputación de Pontevedra de “chacha para todo”, demostrando, dixo, un “machismo casposo e elitismo acomplexado”.
Apelou á condena pública da Cámara “xa que o goberno galego non se atreveu a pedirlle que dimitira”. Advertiu que “algo está fallando na loita contra a violencia machista” con actitudes como a de aquel alcalde, que ademais de insultar á presidenta da Deputación, “ve ás mulleres empregadas do fogar como chachas con cofia ao servizo dos seus amos”.