A perda de poboación e o seu envellecemento progresivo, a caída da inversión nos servizos públicos, a multiplicación por tres da débeda autonómica, a suba do paro, o retroceso dos sectores primarios e da industria e a nula aposta pola promoción da nosa lingua e da nosa cultura, pola construción de vivenda pública, pola mellora das infraestruturas e pola igualdade entre homes e mulleres conforman o retrato do “fracaso” das políticas de Feijóo nestes 10 anos.
Despois de máis dun mes publicando cada día os datos oficiais que avalan estas afirmacións, o PSdeG emitiu hoxe un vídeo a través das redes sociais para “desmontar a falacia do gran xestor que se ten construído Feijóo”. Nel, o secretario xeral, Gonzalo Caballero, chama a “darlle a volta” a unhas políticas que están provocando o retroceso de Galicia en diversos eidos.
Entre os datos que figuran no vídeo (extraídos de fontes oficiais como o INE, o IGE ou os Orzamentos da Xunta), o PSdeG puxo de manifesto a caída da poboación en Galicia por baixo dos 2,7 millóns de habitantes por primeira vez en décadas; o aumento en máis de dous anos da idade media dos galegos e das galegas; a redución dos fondos e do persoal en sanidade e educación públicas; o incremento da débeda ou o empeoramento do mercado laboral.
Neste escenario, o líder dos socialistas galegos preguntouse “que vai celebrar Feijóo” no acto de hoxe, pois o resultado da súa xestión é “unha Galicia en peores condicións” que hai unha década. “O suspenso de Feijóo contrasta coa imaxe que nos quere dar da súa xestión”, concluíu Gonzalo Caballero, quen lamentou “o balance negativo” destes 10 anos “que estamos sufrindo todos os galegos e todas as galegas”.