A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez, reclamoulle á Xunta que abra canles de diálogo co sector da limpeza da provincia de A Coruña para desbloquear as negociacións do convenio provincial entre patronal e sindicatos. Así o dixo logo dun encontro no Parlamento coas representantes do sector da limpeza da provincia de A Coruña, no que participou o portavoz socialista, Gonzalo Caballero, quen lles trasladou o respaldo do PSdeG.
Rodríguez reclamoulle á Xunta que “remangue a camisa e se poña a traballar para liderar a mediación neste conflito colectivo” que ten derivado nunha folga convocada para os próximos días 11 e 12. Chamou a acadar un “convenio digno que avogue por non estender a precariedade laboral a un maior número de traballadores e traballadoras”.
Explicou que a xornada de folga, convocada en toda a provincia, afecta a 10.000 traballadoras e traballadores, entre os que se contan nesta ocasión entre 350 e 400 do persoal de limpeza de Xunta, Parlamento, Valedora ou USC, e en futuras mobilizacións podería estenderse ao Sergas. Sinalou que “non é de recibo” que a patronal intente empeorar as condicións laborais dunhas traballadoras que se teñen reivindicado como esenciais polo seu traballo durante a pandemia.
Sinalou que o Grupo Socialista defende “tódalas cláusulas dos convenios que loiten contra a precariedade laboral que están a sufrir as mulleres de Galicia”, e que neste caso afecta a un sector “feminizado e altamente precario”. Advirte de que a patronal quere impoñer unha conxelación salarial para 2020, a suba do 0,8 por cento en 2021 e a perda de dereitos laborais.
Os sindicatos teñen cualificado esta postura de “tomadura de pelo”, por canto incorpora ademais a eliminación de dereitos establecidos no anterior convenio, como o caso da xubilación parcial”, precisamente cando o traballo de limpeza e desinfección medrou a raíz da emerxencia sanitaria, “incrementándose a carga de traballo e por conseguinte os ingresos das empresas do sector”.