A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, María Pierres, criticou hoxe “contradicións e incoherencias” na suposta defensa da igualdade de xénero por parte do PP. Así o dixo na defensa dunha proposición non de Lei na que reclamou a reformulación dos patios de colexio para crear “espazos de relación coeducativos que promovan a igualdade e rompan coa relación de xerarquías”, e que o PP anunciou que votará en contra mañá.
Pierres puxo en dúbida o compromiso do PP coa igualdade cando as mulleres deputadas do Grupo Popular protagonizan apenas un 23 por cento das intervencións no Pleno do Parlamento, fronte ao 40 por cento das que realizan no Grupo Socialista. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei coa que os socialistas comezaron un Pleno monográfico de iniciativas en materia de Igualdade con motivo do Día da Muller, o próximo 8 de marzo.
A responsable socialista puxo o foco hoxe sobre os patios de colexio, que ofrecen “unha radiografía do machismo e o abuso de poder” ao dar protagonismo ao fútbol e ás actividades masculinas “mentres nas beiras e os rincóns atópanse frecuentemente as nenas”. Advertiu que esta proposta “por si soa non arranxa as desigualdades, as discriminacións nin os abusos de poder”, pero “ningunha medida é definitiva”.
Apostou por facer todo canto sexa posible dende o goberno galego para “axudar a facer un camiño menos pedregoso e situar a Galicia nunha situación exemplar en materia de políticas educativas”. Advertiu que “non poñemos en dúbida que teñan dado pasos, pero estes son tímidos, escasos e con moitísimas contradicións” e apuntou que os plans da Xunta acaban sendo “catálogos de medidas non postas en marcha”.
A parlamentaria socialista apelou a que “familia, escola e sociedade afronten a igualdade e a educación en valores indo da man”, porque, sinalou, “non facelo coordinadamente é pretender eliminar unha planta sen cortarlle as raíces”. Advertiu que “nun mundo incoherente dificilmente acadaremos a igualdade de trato entre homes e mulleres”.