A portavoz do Grupo Socialista na Comisión do Consello de Contas, Begoña Rodríguez Rumbo, instou hoxe a aquel ente a fiscalizar a adxudicación “a dedo” dun contrato de 3 millóns de euros por parte da Xunta para organizar o festival O Son do Camiño. Así o dixo na presentación en Comisión do plan de actividades para este ano 2018.
A responsable socialista aludiu ao obxectivo autoimposto polo propio Consello de Contas de loitar contra as prácticas de fraude e a corrupción, e apuntou neste sentido que a adxudicación dun contrato de patrocinio publicitario polo procedemento negociado sen publicidade resulta como mínimo “un pouco raro”.
Instou ao ente fiscalizador a clarificar este procedemento escollido polo goberno galego no momento en que o PP atópase “salpicado pola corrupción con moitísimos casos abertos”, demostrando “cal é o seu xeito de entender a transparencia e a loita contra a corrupción”. Acusou ao goberno galego de “vestir de legalidade” as súas actuacións “opacas” convertendo a loita contra a corrupción “nun novo dereito de papel”.
Rodríguez Rumbo lembrou así que o contrato foi adxudicado “a dedo” e de forma opaca apoiándose na suposta exclusividade do festival “O Son do Camiño”. Sen embargo este nome foi solicitado en novembro pasado por unha das empresas da UTE beneficiaria do contrato despois de terse reunido con Feijóo, en abril, para tratar a creación “dun novo festival de música previo ao Xacobeo” e a tempo de recibir o contrato xa en febreiro.
Oficina Anticorrupción
A responsable socialista reclamou máis medios e recursos para garantir que o Consello de Contas poida operar “como unha verdadeira Oficina Anticorrupción” atendendo ás novas competencias incluídas no ano 2015. Criticou que estas serán “insuficientes e pouco ou nada resolutivas” sen contar cos medios necesarios e mentres careza das funcións de control e verificación en cooperación coa Fiscalía Superior de Galicia.
Rodríguez Rumbo advertiu que a día de hoxe aínda están sen presentar os informes de fiscalización sobre o concerto do goberno galego co hospital privado Povisa de Vigo, o programa Benestar, a fiscalización dos plans de racionalización do sector público, a fiscalización do sector público autonómico, as autovías financiadas con peaxes na sombra, ou a actividade do Concello de Ourense.
A parlamentaria socialista presentou ademais unha “folla de ruta” que será proposta a través de Recomendacións ao informe ou diversas iniciativas parlamentarias para fiscalizar os contratos de publicidade do goberno galego, a Axencia Galega de Innovación, o cumprimento dos programas operativos con fondos comunitarios ou a actividade financeira da Federación de Confrarías de Pescadores.
Tamén solicitarán a fiscalización do concello de Os Blancos, a situación económica dos concellos de Oza – Cesuras e Cerdedo – Cotobade logo da súa fusión, así como a situación do Concello de O Miño.