O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, chamou hoxe ao consenso entre os grupos parlamentarios para acordar unha proposta unánime para reclamar que o Pazo de Meirás sexa declarado patrimonio público. Así o dixo no debate das iniciativas presentadas hoxe polo PP, En Marea e BNG.
Fernández Leiceaga presentou a mesma emenda ás tres iniciativas co obxectivo de buscar un punto de encontro entre os catro grupos parlamentarios nun debate no que, explicou, “os socialistas non presentamos unha iniciativa propia porque non queriamos ir á confrontación co resto dos grupos, senón ao consenso”.
A proposta socialista defende, neste sentido, demandarlle ao Estado que exerza a acción legal civil “dirixida a reivindicar o Pazo de Meirás como ben demanial da Administración Xeral do Estado e obter a restitución da súa posesión e a súa incorporación ao patrimonio público”. O portavoz socialista defende unir así os dous informes elaborados tanto pola Comisión constituída pola Xunta como á que foi promovida pola Deputación de A Coruña.
Finalmente reclama que, no momento en que esta acción legal sexa exercitada, a Xunta “se incorpore ao proceso civil como coadxuvante adhesiva”. Neste sentido instou aos grupos parlamentarios a “non perderse en cuestións accesorias e extemporáneas e non poñer por diante elementos divisivos antes do fundamental, como é a recuperación”.
Neste momento, dixo, “estamos nunha situación idónea para recuperar o Pazo pola vía civil”, logo de coñecer os dous informes con “máis coincidencias que discrepancias” e logo de que “ninguén hoxe defenda o legado de Franco nin do franquismo”. Apuntou tamén como oportunidade que o goberno estatal sexa, logo da chegade de Pedro Sánchez á presidencia, “sensible con estes temas e defensor de impulsar a memoria histórica”.