O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe ao goberno galego de desentenderse da xestión dos bancos marisqueiros para obrigar ás confrarías a que “xestionen a desfeita do goberno galego”. No debate dunha pregunta oral en Comisión, resumiu graficamente que “despois de deixar moribundo ao sector, queren pasarlle o morto ás confrarías”.
O responsable socialista pregunta “para que serve un Goberno que se desentende das súas responsabilidades” e pretende que sexan as confrarías as que asuman a limpeza, o mantemento e os acordos de xestión dos bancos marisqueiros. Acusa á Consellería de situar a estas entidades na obriga de asumir as funcións do goberno galego pero coa mesma limitade capacidade e a confluencia de intereses diversos.
Torrado amosouse ademais “decepcionado” pola resposta da Xunta que “evidencia que se desentende da xestión dos bancos marisqueiros botándolle a culpa ás confrarías de que non funcionaran ben”. Así o dixo logo de que a Xunta as acusara de non preocuparse do coidado das zonas de libre marisqueo.
Ingobernable
Lembrou que a situación vólvese “ingobernable” en zonas como a Ría de Arousa, na que conviven 12 confrarías con producións diversas, que xeran o 60 por cento da produción marisqueira e asumen o 70 por cento dos permisos de extracción. Apunta que a Consellería “debe servir como institución de encontro das confrarías, á hora de coordinar as labores e accións dirixidas a mellorar as condicións e a produción”.
Acusou ao goberno galego de “recoñecer de facto a súa incompetencia” provocando “problemas porque resulta difícil para as confrarías asumir a xestión completa de espazos e labores distintas, que se afrontan de forma diferente en función os lugares”.
Criticou que a Consellería do Mar dea “a espantada” logo de ter pasado de 6.500 a 3.799 permisos de explotación entre 2009 e 2017, con queixas e reclamacións continuas do sector, cun marisqueo “baixo e dificilmente sustentable” e “problemas de contía e produción nos bancos marisqueiros”.