O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle hoxe ao Executivo central que inclúa a conexión de Galicia coa rede ferroviaria de mercadorías “no prazo máis breve posible”. Así o dixo durante a xuntanza organizada polo Eixo Atlántico en O Barco de Valdeorras coa participación de concellos galegos, O Bierzo e Astorga.
O responsable socialista amosou o apoio ás institucións representadas neste encontro para defender a incorporación de Galicia ao corredor atlántico e a incorporación canto antes do tramo Monforte – Venta de Baños no trazado de mercadorías.
Fernández Leiceaga lembrou a proposta aprobada no Parlamento de Galicia en decembro de 2017 para defender a redefinición do Corredor Atlántico de Mercadorías incorporando e priorizando a conexión ferroviaria dos portos de Vigo e A Coruña co trazado español actual a través de Monforte, León e Palencia.
Advertiu que esta conexión resulta funda-mental para “modificar o perfil de especificación dos tráficos de mercadorías e pasar a unha dimensión diferente” mellorando a súa competitividade.
Así o dixo na xuntanza monográfica do Eixo Atlántico na que participaron o director da representación da Comisión Europea en Barcelona, Ferrán Tarradellas, a directora xeral de ADIF, Isabel Pardo de Vera, o ex presidente da Xunta de Galicia e asesor do Eixo Atlántico en materia portuaria, Fernando González Laxe, e o ex director xeral de Mobilidade e asesor do Eixo en materia ferroviaria, Miguel Rodríguez Bugarín.