Desde o PSdeG, queremos expresar a nosa máis firme condena polas agresións e actos vandálicos sufridos onte polo presidente da Comunidade de Valencia, o presidente de España e os Reis de España, claramente dirixidos por grupos da extrema dereita que actúan ao abeiro da retórica incendiaria na que colabora a dereita.
Queremos expresar a nosa solidariedade máis sincera cos veciños e veciñas da Comunidade Valenciana afectados pola DANA. Entendemos a súa desesperación nestes momentos difíciles e compartimos a súa dor. Precisamente por iso, lamentamos profundamente o aproveitamento que certos sectores da extrema dereita están a facer destes sentimentos, manipulando a situación ante os medios para transmitir unha imaxe falsa e crispada de España.
Consideramos incomprensible e inaceptable que as outras forzas políticas galegas non saíran publicamente a condenar estes actos violentos. En democracia non cabe espazo para o silencio ante a violencia e o odio, sexan cales sexan as persoas ou institucións ás que van dirixidos.
Desde o PSdeG reiteramos que a convivencia e o respecto son valores que deben estar por riba de calquera diferenza política. Apelamos a todas as forzas para que se posicionen claramente en defensa do Estado de dereito e en contra de calquera manifestación violenta ou de odio que busque dividir e intimidar á sociedade.
Non podemos permitir que o silencio sexa cómplice da radicalización e da intolerancia. Chamamos, unha vez máis, ao compromiso inequívoco coa democracia e o respecto institucional por parte de todos os partidos políticos. O PSdeG mantén a súa firme postura en defensa dunha Galicia e dunha España de convivencia e xustiza social.