O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, destacou hoxe o compromiso do goberno central coa rebaixa das peaxes da AP9. Así, Arangüena presentou unha Pregunta oral no Pleno do Parlamento na que recoñeceu o papel do executivo de Pedro Sánchez con respecto á autoestrada que une Tui e Ferrol.
O socialista puxo en valor “os 63 millóns de euros de investimento” que contemplan os Orzamentos Xerais do Estado para bonificar e reducir as peaxes dunha autoestrada “vital para Galicia”. Arangüena confrontou dito investimento co “regalo que fixeron Aznar, Fraga e Feijóo a Galicia” cunha “ampliación de 25 anos de concesión para Audasa nas peaxes da AP9”, asinada no ano 2000 e “hipotecada ata 2048”.
Neste senso, o responsable socialista sinalou que “os feitos falan por si sós” cando “un goberno socialista pon os medios para saldar unha débeda contraída por Aznar, que hipotecou 25 anos máis a principal arteria de Galicia”. Neste senso, lembrou tamén que no ano 2003, “con Feijóo de conselleiro de Ordenación do Territorio, se privatizou a empresa nacional de autopistas”, que “rematou en mans de fondos de capital estranxeiro”.
Por último, Arangüena incidiu en que “a diferenza do acontecido cos gobernos do PP, no ano 2006, co goberno socialista de Emilio Pérez Touriño e cun goberno central tamén socialista se eliminaron as peaxes dos tramos Vigo-O Morrazo e A Coruña-Barcala”, medida que se mantén a día de hoxe nos Orzamentos Xerais do Estado.
Por último, o responsable socialista instou ao goberno galego “a ser capaz de recoñecer cando se adoita unha decisión importante para Galicia”.