O portavoz de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, denunciou hoxe o “compromiso cero, inexistente” do PP na loita contra a corrupción. Así o dixo logo do veto do PP a unha proposta socialista debatida hoxe en Comisión para protexer ás persoas denunciantes de prácticas de corrupción, ilícitas e fraudulentas.
O responsable socialista censurou o “cinismo absoluto” do PP ao sinalar supostas prácticas corruptas noutros partidos porque “non dixeriron a súa saída do goberno central, do que saíron porque o Parlamento estaba farto da súa corrupción” evidenciada na sentenza da Trama Gürtel. Lamentou que “aínda estean no duelo de ter caído do goberno de España por ser un partido absolutamente corrupto”.
Criticou a resposta do PP, que “considera que o Estado é patrimonio seu, e como acaban de caer por ser corrupto válelles calquera cousa”, antes de acusalos de estar “encantados” co “ultimátum” de Torra para “facer pressing sobre o goberno”.
Respondeu así ao veto do PP a unha proposta socialista para impulsar unha reforma lexislativa que protexa ás persoas que decidan denunciar prácticas corruptas. Sinalou o caso de Ana Garrido, a traballadora do Concello de Boadilla del Monte que destapou a trama Gürtel, sometida a acoso laboral polo Concello, gobernado polo PP, que lle tivo que indemnizar con 100.000 euros por este motivo.
O responsable socialista sinalou que “debémoslle esta regulación –para protexer ás persoas que denuncien a corrupción- aos galegos e galegas honrados que deciden de forma valente denunciar estas prácticas” e que hoxe arríscanse a un “esforzo desmedido” en custes persoais e profesionais.
Lembrou toda a normativa comunitaria que apunta nesta dirección e da que o PP fai “caso omiso”, así como ao “socio prioritario de Feijóo”, que é co goberno de Castela e León, onde teñen aprobado “unha tímida regulación” para protexer aos denunciantes. O mesmo sucede cos concellos galegos, obrigados a abrir canles de denuncia contra a corrupción como requisito por recibir fondos comunitarios.