O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, reclamoulle hoxe á conselleira delegada de DomusVi que explique a responsabilidade da Xunta “nos problemas das súas residencias”. Arangüena interveu na comparecencia de Josefina Fernández, responsable da compañía que rexistrou o 25 por cento dos falecementos por coronavirus en Galicia na primeira onda da pandemia.
Así, reclamoulle que faga públicas as subvencións recibidas dende a Xunta nunha traxectoria fulgurante que a levou “dende cero a ser multimillonaria”, co principal grupo xeriátrico do Estado, acusado de serios problemas tanto no trato aos residentes como dos traballadores e traballadoras. Preguntoulle directamente “cantos maiores faleceron nas súas residencias sen ter diagnosticada a covid logo de ter sido contaxiados”.
Lembrou que a empresa está “denunciada fronte á Fiscalía por presuntamente deixar morrer aos anciáns e incumprir toda a normativa do sector e dende logo a ética profesional e empresarial para o seu maior beneficio”. Así o dixo antes de que a propia Fernández subliñara o seu orgullo por “hacer dinero cuidando de los mayores” nunha empresa que cuadriplicou o seu capital, ata 2.600 millóns de euros, “a partir da privatización do negocio xeriátrico público das caixas de aforros”.
Sinalou ademais que “ata hoxe non tivo a ben reunirse coas familias das vítimas de coronavirus nas súas residencias”, acredoras de graves acusacións por parte da asociación de traballadores das residencias, que apuntan a situacións laborais e de falla de coidados que “se sitúan no terreo da indecencia e da ilegalidade”.
O propio presidente da Federación de asociacións de familiares de usuarios apuntou que as actuacións “chocan coa ética esixible a todo operador habilitado para a prestación deste tipo de servizos”, e que “ocasionan menoscabo da dignidade e deterioro derivado dun holocausto atroz pola infame xestión da pandemia”.
Demasiados casos
Apuntou que a pandemia ten provocado “demasiados casos” de coronavirus nas residencias, e “sinaladamente no seu grupo”. Así o dixo logo de responder á “crítica intensa e desagrado tamén intenso” amosado pola comparecente “respecto do goberno central e a admiración polo goberno galego”, que considera “lóxica, dado que baixo o paraugas deste goberno levantou un imperio partindo de cero”.
Preguntoulle así pola orixe da súa “fortuna” a costa de cartos públicos destinados ao coidado dos maiores. Neste sentido, lembrou o “pelotazo” da empresa, que pasou dun capital de 639 millóns de euros a valer 2.364 entre 2014 e 2017 “a partir da privatización do negocio xeriátrico público das caixas de aforro de Galicia”.
O responsable socialista reclamoulle que expuxera o valor económico da súa participación no emporio de DomusVi, que foi o grupo máis afectado por falecementos asociados á pandemia, e que rexistrou as residencias con máis falecementos de Galicia na primeira onda –Barreiro, Aldán e San Lázaro-, así como as de Arroyo de la Encomienda, en Castela León, e Las Laceras, en Euskadi.
Á sombra do PP
O responsable socialista cuestionou o crecemento do grupo “á sombra do PP”, e reclamoulle que presente as subvencións que ten recibido da Xunta para o coidado dos maiores. Arangüena chegou a reclamarlle que explique “se mellorou o seu negocio pola súa relación persoal co PP e co presidente da Xunta”, que foi veciño dela cando residía nas Torres de García Barbón.
Preguntoulle ademais “por que está no seu Comité de Ética a muller de Miguel Santalices, presidente deste Parlamento, e ademais destacada militante do PP de Vigo, e para que a necesita”. A comparecente non respondeu a ningunha das preguntas do parlamentario socialista.