O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, participou está mañá na rolda de prensa, convocada conxuntamente con En Marea e BNG, para anunciar unha xuntanza paralela á Comisión de Investigación da Sanidade que permita sortear os “vetos” do PP. Explicou que o obxectivo é manter un encontro “plural” que permita dar voz a “todo o mundo” e responda aos problemas dunha sanidade que está en “estado crítico” e cun Conselleiro “desaparecido”.
O responsable socialista reivindicou “darlle voz á xente que é experta en recortes precisamente por sufrilos” e na que tanto profesionais coma usuarios poidan expresar o seu parecer “independentemente de que coincida ou non cos pareceres da oposición”. O foro convocado polos grupos da oposición comezará o próximo luns, dixeron, coa comparecencia do portavoz da familia do paciente falecido na Estrada, así como un médico e unha enfermeira representantes dos PACs.
Torrado respondeulle así á “mordaza” imposta polo PP á Comisión de Investigación sobre os recortes na sanidade, constituída por iniciativa da oposición pero na que o grupo maioritario quixo escoller a lista de comparecentes, provocando o abandono de socialistas, En Marea e BNG. Explicou que o transcorrer do trabalo do órgano “reforza” o que “denunciabamos dende fai meses” e “ratifica” a necesidade dun órgano que fale dos problemas da sanidade.
Sinalou así ao silencio sobre a situación do PAC de A Estrada, a folga de médicos no Sergas ou a dimisión de 20 xefes de servizo de Atención Primaria de Vigo ou a folga de Urxencias do CHUS, o que “demostra a pertinencia da Comisión de Investigación e da necesidade de que veñan as voces que o PP vetou”.
O deputado socialista puntualizou que a oposición “non se lle ocorrería vetar” ningunha proposta dos outros grupos, como demostra que na lista de comparecentes presentada pola oposición e rexeitada polo PP incluíanse “membros do Goberno do PP, como a exconselleira de Sanidade”.
Dimisións e mentiras
Sobre si pedían a dimisión do Conselleiro de Sanidade, Declarou ademais que “xa debemos pedir a dimisión do conselleiro unhas 27 veces”, que e “xa debería de ter marchado fai tempo”. Finalmente, ironizou co feito de que “como este home desaparece cando hai problemas: igual dimitiu e ninguén o sabe”.
En resposta á pregunta sobre o marco normativo deste encontro, Torrado negou que poida supoñer ningún problema, e mesmo lembrou que “malia que no Parlamento existe a obriga de non mentir e vemos como sistematicamente membros do Goberno do PP o fan” incidindo en que “o propio Presidente da Xunta mentiu no Pleno ao dicir que aos comparecentes da oposición os escolle a oposición”.