A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, cualificou hoxe de “insuficiente e tardía” a Lei de Patrimonio Natural, que comezou hoxe o seu trámite parlamentario. A norma foi aceptada polo PP, que deu paso a unha norma para a conservación do patrimonio natural galego logo de, dixo Vilán, “máis de 10 anos perdidos” pola “irresponsabilidade e incapacidade de xestión” do Goberno galego.
A responsable socialista amosou a súa sorpresa cara á defensa do Goberno dunha “Galicia verde contra o cambio climático” cando a lei de patrimonio natural que están a promover é a “copia” da lei de Conservación da Natureza de Galicia do Goberno de Emilio Pérez Touriño en 2008. Sinalou que o interese de Feijóo pola “Galicia verde” trátase “de mera propaganda electoral” cando “esta lei tiña que estar tramitada fai case dous anos e medio no Plan anual de 2017”.
Vilán sinalou que “en 10 anos o Goberno non foi capaz de aprobar ningún plan de recuperación das máis de 40 especies ameazadas en Galicia” aínda que cando se publicitou esta lei “prevíase a creación dun plan de recuperación de especies ameazadas en Galicia para 2020”. Advertiu da “incapacidade ” do Goberno a pesar de que Touriño e o seu goberno “deixou rematados 10 plans de conservación para 17 especies e 28 en elaboración”.
A deputada socialista advertiu do “pouco peso” que ten a biodiversidade e o patrimonio natural para o PP, cando “dende 2008 reduciu nun 30 por cento o orzamento para o ámbito natural”. Afeoulle ao goberno a redución dos orzamentos “cando a realidade é que o 60 por cento dos ingresos para este proxecto de lei proveñen dos fondos europeos e o Goberno só ten que facer fronte ao 40 por cento”.
Amosou o seu interese por colaborar na elaboración da Lei para construír un texto “moderno” que “antepoña a protección ambiental ante calquera outra norma” e que teña unha verdadeira función social. Sinalou a necesidade de protección das áreas mariñas así como a existencia dun Fondo para a Conservación do Patrimonio Natural de Galicia e o protagonismo do Observatorio galego de Biodiversidade “que existe dende 2007 e vostedes nin mencionan”.
Por outra parte, amosou o seu asombro pola preocupación de Feijóo pola axenda 2030 “cando esta foi unha das prioridades de Pedro Sánchez dende a súa entrada no Goberno de España en xuño de 2018”.
En relación cos residuos, advertiu que o anuncio de Feijóo de reducir os residuos nun 15 por cento “trátase dun anuncio preelectoral” cando “a directiva europea de residuos establece que os municipios deben reciclar polo menos o 50 por cento dos residuos para 2020 e ata o de agora non chegan nin ao 20 por cento”. Sinalou que “antes de realizar anuncios preelectorais primeiro é necesario considerar a xestión conxunta da auga como parte do medio ambiente e non unha infraestrutura máis”.