O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, cualificou hoxe de “parapsicoloxía e ciencia ficción” as directrices enerxéticas da Xunta. Así o dixo logo da comparecencia do conselleiro de Industria no Parlamento para dar conta da estratexia enerxética do goberno galego pero “sen presentar documentos” e adoecendo de “escaso rigor orzamentario”.
Losada criticou o “pouco rigor” do goberno galego logo de tres anos de retraso para presentar a súa estratexia enerxética, que pasou de abarcar o intervalo 2015-20 a agora limitarse a 2018-20. Ironizou con que leven “tres anos reflexionando” para agora presentarse na Cámara “sen permitir que teñamos acceso a ningún documento, xa sexa inicial, intermedio ou final”.
Tampouco presentan, sinalou, unha planificación orzamentaria solvente, mentres puxo como exemplo as alteracións do Plan Eólico, que pasou de comprometer 2.325 MW, 6.000 millóns de euros e 14.000 postos de traballo en 2010 a, agora, quedarse en 1.300 MW, 3.000 millóns de euros de investimento mobilizado e 12.000 empregos.
O responsable socialista esixiulle ao conselleiro de Industria que dea conta dos investimentos que anuncian que van ser mobilizados, así como dos datos de enerxía eléctrica renovable que teñen instalado. Advertiu que mentres pasaban de comprometer a instalación de 2.325 MW primeiro, e 1.300 despois, a realidade é que dende que goberna Feijóo Galicia incrementou en 783 MW, dos que tan só 122 corresponden á eólica.
Puxo en cuestión as previsións do goberno galego para instalar 90 MW de enerxías renovables cada ano durante os próximos 8, cando Feijóo “alertaba que estabamos perdendo o tren do eólico” cando o goberno presidido por Touriño tiña un crecemento de 220 MW cada ano do sector eólico. Apuntou que “agora xa non perdemos o tren, pero porque está parado” logo de que Feijóo paralizara o eólico galego “de forma radical”.
Acusou ao PP de utilizar o “déficit tarifario” e o “hachazo ás renovables” como coartada para “frear o desenvolvemento tecnolóxico das enerxías renovables, sacar aos axentes máis débiles e forzar o oligopolio de Iberdrola, Enel e Gas Natural”.
Abel Losada cuestionou o escaso compromiso efectivo do goberno galego coa política enerxética de Galicia, como demostran as “escasas axudas do Inega” ou que teñan previsto conceder axudas para paliar a exclusión enerxética a tan só o 20 por cento das 33.000 familias con problemas reais para chegar a fin de mes.
Tarifa eléctrica
O Grupo Socialista apoiou hoxe a proposición de Lei para modificar a Lei do Sector Eléctrico, debatida hoxe no Pleno pero que foi rexeitada polo PP. Losada advertiu que “o mercado non funciona correctamente” e sinalou que “temos unha das electricidades máis caras de Europa e as empresas españolas teñen unha das taxas de beneficio máis altas” e reclamou apoio fiscal para quen non pode pagar a enerxía.
Por outra parte, o voceiro socialista demandou que “cambiar as enerxías sucias por limpas é unha materia pendente en Europa e en España”. Cualificou como “evidentes” os “intereses que se defenden na regulación financeira do prezo da enerxía en España” e lamentou que os galegos e galegas “serán os que teñan que pagar os suplementos que favorecen ás empresas”.
Losada amosou reservas fronte diversos aspectos da proposta, e cuestionou rebaixar a tarifa como medio de garantir a redistribución de renda “para que logo se use en iluminar piscinas ou canchas de tenis na Zapateira ou en Canido”. “O grupo Socialista quere sistemas fiscais que garantan que aqueles que non poden pagar a enerxía, dun mercado ben regulado, teñan apoio público para facelo”.