O senador galego intervén na aprobación final da reforma electoral, cun apoio maioritario das forzas políticas agás a “posición incomprensible” do BNG, única abstención á norma
O senador galego César Mogo celebrou a aprobación definitiva, hoxe na Cámara Alta, da reforma electoral presentada conxuntamente polo PSOE e Unidas Podemos. Mogo interveu no debate final do trámite lexislativo, no que sinalou que a reforma da Loreg “restitúe a plenitude dun dereito que, non deliberadamente, fora cercenado en 2011”.
A reforma de hoxe suprime o voto rogado e “facilita a participación, ampliando os prazos para remitir documentación e o escrutinio e máis centros de votación directa”. Ademais, explicou, “gaña en seguridade para evitar a fraude”, xa que os sufraxios serán enviados por valixa diplomática e con identificación persoal do elector no voto por correo.
Sinala que esta reforma “corrixe unha inxustiza” coa anterior reforma, pensada “para gañar en seguridade xurídica, pero o efecto fora unha moi grave caída da participación electoral”. Hoxe, dixo, “non só recuperamos a Lei de 2011, senón que a melloramos” e engadiu que “os emigrantes galegos saben moi ben que, dende hoxe e por iniciativa do PSOE, hai unha ampliación dos seus dereitos nas eleccións”.
Sinalou que “son máis de dous millóns de persoas que nos estaban agardando, que están unidos por unha cidadanía da que deben desfrutar con plenitude comezando polo seu dereito á participación, a elixir aos seus representantes”.
Lembrou que “son fillo e neto de emigrantes” e apuntou que “a emigración en España non é unha realidade escindida, non hai dualidade entre os que marcharon e os que quedaron, forman parte dun mesmo pobo”. Lembro que “o gran fotógrafo Virxilio Vieitez retratou a emigración nos rostros dos que se quedaron, na súa nostalxia, pensando nos que se foron e nas súas expectativas”.
Erro BNG
O senador lugués saudou o “amplo acordo acadado polos distintos grupos da Cámara, con independencia de discrepancias técnicas”, que evitaron “cometer o que chamo o erro BNG, que non quixo respaldar a reforma no Congreso” absténdose na votación. Os nacionalistas galegos “abstivéronse dunha ampliación de dereitos para centos de milleiros de emigrantes galegos baseándose en escusas que non se sosteñen”.
Sinala que “o BNG é a única forza parlamentaria que non respalda esta reforma da Loreg”, unha “posición incomprensible dende o punto de vista da emigración”, e que “outros grupos nacionalistas -cataláns e vascos- apoiaron máis alá de que de tódalas súas demandas non estiveran recollidas”.