A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, advertiu hoxe de que os 1.540 millóns de euros dos orzamentos de emprego que a Xunta deixou sen gastar dende 2009 “dan a medida do desastre das políticas” de Feijóo nesta materia. Así o dixo no debate dunha interpelación á conselleira de Emprego, na que denunciou o “desprezo” amosado pola Xunta ás persoas desempregadas.
Criticou que o goberno galego deixara sen gastar 1.487 millóns de euros para políticas de emprego e fomento do emprego e da estabilidade, ademais de outros 53,5 millóns de euros previstos para Relacións laborais, saúde laboral e economía social. En suma, sinalou, “temos 1.540 razóns para que as persoas paradas se sintan insultadas polos diferentes gobernos de Feijóo, unha por cada millón de euros que deixaron no caixón do seu goberno”.
Sinalou que “Galicia debe gastar os créditos destinados ás políticas de emprego, e máis concretamente, para ofertar ás persoas demandantes de emprego as actuacións de mellora da empregabilidade acordadas no seu itinerario de inserción”.
En resposta á intervención do presidente da Xunta na sesión de control desta mañá, a responsable socialista lembrou que seis de cada dez concellos galegos teñen hoxe mesmo máis pensionistas e parados que traballadores. Engadiu que no último ano perdéronse 18.229 afiliacións á Seguridade Social, mentres case 27.000 traballadores continúan en ERTE, polo que non computan como parados.
Acusou ao goberno galego de converter o Servizo de Emprego de Galicia nun instrumento “inútil”, que só foi eficaz no 2,4 por cento das colocacións de traballadores en Galicia. Sinalou que “as persoas paradas e as empresas galegas precisan un SPEG que medie entre unhas e outras cun mínimo de peso”.
Esixiulle ademais á conselleira de Emprego que “recupere o equivalente ás 6,7 millóns de horas de traballo perdidas entre 2008 e 2019”, o que supoñen 178.000 empregos a tempo completo, e outros 8.352 só no ano 2020.
Profesionais da limpeza
Carmen Rodríguez comezou a súa intervención amosando unha fregona amarela, símbolo da reivindicación das profesionais da limpeza da provincia de A Coruña que están a reclamar un convenio digno. Reclamou a mediación da Consellería nun conflito provocado polo “enquistamento inxustificado da patronal na negociación dun convenio colectivo digno que non deixe polo camiño dereitos que loitan contra a precariedade laboral tan enquistada no mercado laboral galego”.
A parlamentaria socialista trasladou o apoio dos socialistas galegos a estas profesionais antes de acusar ao goberno galego de ter eliminado os pactos sectoriais de estabilidade, co que a taxa de estabilidade deixou de ser un elemento para incentivar ás empresas.
Advertiu que “neste momento o fomento do emprego pasa principalmente por evitar eses EREs que destrúen irremediablemente o noso tecido produtivo, é o momento de loitar por un mercado de traballo máis decente, o que implica un aumento da estabilidade”. Apuntou así que “Galicia debe ter procedementos claros para actuar nos casos dos EREs de empresas con beneficios ou que se poidan prever ao remate da pandemia”.