A portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, apuntou hoxe ao desleixo do goberno galego como causa principal do “abandono absoluto” do territorio forestal e a proliferación de incendios en Galicia. Rodríguez presentou unha pregunta oral para reclamarlle á Xunta que leve adiante a reestruturación dos distritos forestais e cumpra coas medidas aprobadas na Comisión de Estudo da Política Forestal.
A responsable socialista sinalou que “moitas das melloras propostas non foron implementadas nin asumidas polo goberno galego”, que se limitou “á creación dunha dirección xeral”. Ata o día de hoxe “non se tratou un reparto axeitado dos medios de loita contra o lume, nin se analizaron os esforzos necesarios axustados á incidencia dos lumes nas comarcas e distritos, e advertiu que “a causa de moitos lumes é precisamente a falla de planificación e de ordenación forestal”.
Instou ás consellerías de Medio Rural e de Medio Ambiente a “coordinarse tanto na prevención como na extinción”, e reclamou a posta en marcha de “medias correctoras despois de que ocorra un incendio”, así como da súa incorporación ao mapa de riscos que deberan elaborar cada ano.
Rodríguez aludiu a que Galicia ten hoxe medio millón de hectáreas “aptas para aproveitar sostiblemente de forma funcional”, pero que “na actualidade non teñen ningún tipo de actividade agrogandeira ou forestal”. “O problema é o abandono e a falla de relevo poboacional, e deses 10.000 galegos e galegas que abandonan o país cada ano”.
Por este motivo, Galicia “rexistra o 30 por cento dos incendios do Estado en tan só un 6 por cento do territorio”, e “por iso a cuarta parte da superficie que ardeu o ano pasado en España rexistrouse na provincia de Ourense, que representa unicamente o 1,4 por cento da superficie total do Estado”.