reclama axudas específicas para mulleres titulares de empresas do sector primario, compatibles coas axudas da PAC
A portavoz Agricultura do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, lamentou hoxe o desleixo da Xunta mentres Galicia é a Comunidade Autónoma que máis emprego feminino destrúe no rural. A responsable socialista presentou hoxe unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para reclamar medidas transversais contra o despoboamento e masculinización do rural.
Rodríguez Dacosta alertou de que a diminución de mulleres ocupadas no sector agrario, gandeiro e forestal en Galicia entre os anos 2008 e 2022 triplica a caída no resto do Estado, xa que en España diminuíron un 15,4 por cento as mulleres que traballan no rural, a redución en Galicia é do 44 por cento. A responsable socialista lembrou que o goberno galego “ten a obriga de facilitar que a agricultura e a gandaría sexan oportunidades para as mulleres”.
Por iso, reclamoulle ao goberno autonómico “implicarse de xeito decidido” para conseguir un medio rural máis igualitario, e diminuír a fenda de xénero existente no sector agrogandeiro e fomentar unha maior participación das mulleres na actividade económica. Alerta de que a ferramenta prevista para este obxectivo, a Lei de Fomento do Acceso á Titularidade Compartida, “segue sen dar os froitos desexados”, xa que só conseguiu 31 incorporacións dende 2012.
O Grupo Socialista reclamou hoxe unha liña específica de axudas do goberno galego dirixida a mulleres titulares de empresas que desenvolven actividade directa no sector primario compatible coas recibidas a través da Política Agraria Común. Lamentou que co seu voto en contra o PP demostra que “non están a favor dun plan de choque para o impulso do emprego feminino no rural nin de rachar coa discriminación nas axudas da Emega”.
A iniciativa debatida hoxe tamén lle reclamaba á Xunta que elabore o Estatuto da Muller Rural antes de que remate o ano e en colaboración coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais -Fademur- para que poida ser incorporado a continuación á futura Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
Rodríguez Dacosta lamento o voto en contra do PP tamén a este punto da iniciativa, logo de que no último Debate do Estado da Autonomía votaran a favor dunha proposta de resolución para elaborar este instrumento, que considera “unha ferramenta imprescindible para conseguir a plena igualdade entre as mulleres e homes rurais”.