Insta á Xunta a articular un “plan de choque contra a sinistralidade laboral de xeito inmediato” tralo rebrote de accidentes laborais nos últimos dez anos
A voceira de Emprego do Grupo Socialista, vén de reivindicar a “necesidade” de aprobar a reforma laboral, impulsada polo goberno de España e pactada por axentes sociais, sindicatos e patronal, ante os “preocupantes” datos de sinistralidade e precariedade laboral que “caracterizan” o mercado laboral galego.
Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, tras presentar unha proposición non de lei para instar á Xunta a que articule un “plan de choque contra a sinistralidade laboral de xeito inmediato”. A iniciativa, que foi debatida na Cámara galega nesta xornada, será votada na sesión de mañá.
“Nestes case dous anos de pandemia da covid púxose de manifesto de xeito dramático a contradición entre a saúde e a vida, e as presións para manter a actividade económica”, alertou a dirixente socialista quen incidiu en que “o traballo debe ser decente, digno e de calidade, libre de riscos”, polo que “ninguén debería ter que elixir entre traballo e saúde”.
“Na última década asistimos a un rebrote dos accidentes de traballo, á ocultación e subrexistro das enfermidades profesionais e afixémonos a que o lema ‘a precariedade laboral mata’ se fixera recorrente nas campañas sindicais de denuncia”, lamentou a socialista quen cualificou a sinistralidade laboral como “unha lacra, en ocasións, invisible” á que temos que “darlle voz” unha vez que este ano houbo máis de 24.300 accidentes de xaneiro a novembro, 45 persoas falecidas e 380 accidentes de carácter grave.
Neste sentido, sinalou que “son as condicións de traballo as que están na orixe desta eiva, sobre todo nun mercado laboral como o galego, marcado pola precariedade, tal e como indican as organizacións sindicais”. De feito, en Galicia en 2021, incidiu, asináronse máis de 872.000 contratos iniciais, pero destes “só o 5,1% foron indefinidos”.
Paralelamente, denunciou, en Galicia “produciuse unha redución de investimentos en prevención de riscos laborais nas empresas, así como de financiamento de políticas públicas activas en materia preventiva” cando o goberno galego “reduciu nun 44% as partidas dedicadas a prevención laboral” nos Orzamentos de 2022.
“Galicia necesita un novo marco laboral que reverta o abuso da temporalidade e a parcialidade involuntaria, ao tempo que se recupere un marco de negociación colectiva máis equilibrado”, sentenciou a dirixente socialista quen aplaudiu a reforma laboral promovida polo goberno de España.
Por último, Rodríguez Dacosta chamou á Consellería de Emprego a acometer “unha profunda reforma do sistema de políticas activas de emprego, tendo en conta que o actual funciona de forma incompleta, non situando ás desempregadas e desempregados no centro das súas preocupacións”.