A parlamentaria socialista esixe que se elabore un mapa de superficie afectada e avoga por adaptar os modelos silvícolas a unha densidade que impida a propagación deste fungo
A voceira de Gandaría do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, reclamoulle hoxe ao goberno galego que adopte medidas de apoio eficaces para mitigar e evitar a propagación do mal da banda marrón e vermella do piñeiro. Trátase dun fungo que debilita ás coníferas ata o punto de que pode provocar a súa morte.
Tras instar á Xunta a que se tome esta situación “coa debida seriedade”, Carmen Rodríguez Dacosta esixiulle á Xunta que elabore un mapa da superficie afectada para poder implementar as medidas preventivas e correctoras necesarias. A partir de aí, a deputada socialista apostou por elaborar unha orde de axudas para as persoas afectadas.
En Galicia, tal e como explicou Carmen Rodríguez Dacosta, existe unha “enorme preocupación” dos propietarios forestais, xa que a banda marrón e vermella non só pon en risco ás árbores senón que desincentiva a posibilidade de novas plantacións. A maiores, existen afectados que “teñen masas ás que aínda lles faltan anos por entrar na quenda de corta e nas que xa fixeron diferentes tratamentos silvícolas como podas ou desbroces, co conseguinte custe económico”.
A parlamentaria do PSdeG alertou de que as zonas máis danadas por este mal están nas zonas montañosas da provincia de Lugo, onde o pino insigne –que é a especie máis susceptible á enfermidade- é a principal conífera. Ademais, Carmen Rodríguez Dacosta explicou que o mal da banda marrón empeora en montes nos que non se está a realizar unha boa silvicultura e, sobre todo, en masas densas.
Por iso, instou á Xunta a modificar os modelos selvícolas para adaptalos a unha densidade de repoboación que inclúa o criterio recomendado de maior aireación, o que reduciría as posibilidades de propagación do fungo. Neste contexto, lamentou a “inacción” do goberno galego á hora de adoptar medidas para paliar a problemática que está a causar o mal da banda marrón e vermella.
De feito, a deputada do PSdeG sinalou que, con respecto a ese asunto, foron os concellos afectados –e non a Xunta- os encargados de informar á poboación e incluso de facilitarlles a tramitación de solicitudes e aceptación de axudas.